Notas
-
Os novos itinerarios botarán a andar o próximo mes e estenderanse ata outubro con 22 saídas con máis de 1.500 prazas permitindo descubrir as paisaxes e as marabillas da comunidade. Deste xeito, poranse en marcha as Rutas dos Faros, dos Pazos e Xardíns Históricos, dos Mosteiros ou da Lamprea, así como os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas. -
A península ibérica será no futuro un territorio cada vez máis tórrido. Así se desprende dun estudo sobre proxeccións climáticas realizado por investigadores das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela que prevé un aumento da intensidade das ondas de calor do 104% para o futuro próximo (2021-2050) en todo territorio peninsular. -
Pór en valor a xeoloxía, os solos, os viñedos e a cultura dun enclave único como é a Ribeira Sacra. Con este obxectivo presentouse este martes na Deputación de Ourense unha publicación na que se analizan as singularidades da paisaxe e o patrimonio deste enclave xeográfico que comparten as provincias de Ourense e Lugo. -
Visitas comentadas en liña, charlas e faladoiros sobre temas como a escrita xeroglífica ou as escavacións arqueolóxicas en Exipto a día de hoxe, obradoiros sobre papiros ou xincanas de enigmas en formato escape room compoñen un programa con opcións tanto para público adulto como para a cativada. A estas actividades súmanse as visitas guiadas que o Museo Centro Gaiás ofrece de balde. -
As circunstancias excepcionais provocadas pola pandemia, que limitan os seus desprazamentos, ofrecen tamén unha oportunidade para observar de novo o que nos rodea, poñelo en valor e protexelo. Ese é o obxectivo da exposición Galicia a un paso de ti de Turismo de Galicia, que inauguraron o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Afundación, Miguel Ángel Escotet na sede de Afundación de Santiago de Compostela. -
Vaise prorrogar a mostra 'Vestir épocas. 1860-1960. A colección González-Moro', que tiña previsto finalizar o 4 de abril, ata o 30 de maio no Museo de Belas Artes da Coruña. Trátase da segunda prórroga da exposición, que desde a súa inauguración, en outubro do ano pasado, recibiu preto de 7.500 visitas. Amplíase así a posibilidade de coñecer unha importante selección de máis de 300 pezas, entre obxectos e prendas de vestir. -
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia organizará rutas e outras actividades de balde durante toda a Semana Santa para achegar os valores e a riqueza deste espazo natural a todo o público. Os arquipélagos de Cíes e de Ons se poderán visitar de xeito particular en transporte público ata o vindeiro domingo 4 de abril, un período no que a día de hoxe hai xa máis de 1.100 reservas confirmadas. -
O grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia impartirá varios obradoiros en centros educativos de ensino primario e secundario no marco do proxecto 'Ciencia no Camiño', unha iniciativa que procura a promoción da cultura científica e a innovación, tanto para a poboación escolar como para o público en xeral, a través dunha rede de educación e divulgación nos Camiños de Santiago. -
O Grupo Compostela de Universidades promove un observatorio de expertos sobre o patrimonio do Camiño
A iniciativa ‘CamiñoLab. Laboratorio do patrimonio cultural do Camiño de Santiago’, impulsada polo Grupo Compostela de Universidades (GCU) liderado pola USC xunto coas outras dúas universidades públicas galegas, promove a creación dun observatorio de académicos internacionais focalizado no patrimonio deste itinerario cultural. -
A Cidade da Cultura programa o sábado 20 o espectáculo Galicia Máxica, unha proposta da contadora Marta Ortiz cun repertorio composto por contos tradicionais galegos e portugueses. Esta sesión de contacontos, especialmente dirixida á cativada de entre 4 e 11 anos, contará con entrada de balde e poderá seguirse en directo por streaming.

