Skip to main content

O Gaiás conmemora o día da narración oral coa contacontos Marta Ortiz e un repertorio da tradición galega e portuguesa

A narradora Marta Ortiz propón unha viaxe que nos lembrará a irmandade lingüística e cultural que temos Galicia, Portugal e toda a lusofonía. Será a través de romances, cancións, brinquedos e xogos da nosa tradición e da do país veciño, que servirán tamén para achegarlles aos máis pequenos e pequenas o rico patrimonio oral que compartimos.

O Día Internacional da Narración Oral conmemórase cada 20 de marzo –coincidindo co equinocio de primavera– como un xeito festivo de pór en valor a arte dos contacontos, de narrar de viva voz, de contar e escoitar, unha arte escénica de pequeno formato pero moi presente en todas as programacións culturais de Galicia.

A arte de contar historias

O espectáculo de Marta Ortiz no Gaiás enmárcase nas actividades do Día Internacional da Narración Oral promovidas polo Festival Atlántica, o colectivo NOGA, e os festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, nunha xornada na que se celebrarán unha vintena de espectáculos en múltiples puntos de Galicia. Ademais de Marta Ortiz, entre os artistas participantes figuran nomes como os de Raquel Queizás, Charo Pita, Pablo Díaz, Vero Rilo, Celso F. Sanmartín, Quico Cadaval ou Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.

A iniciativa conta tamén cun manifesto da escritora Fina Casalderrey para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.
Cidade da Cultura de Galicia