Skip to main content

Unha publicación sobre a Ribeira Sacra pon en valor a singularidade da súa paisaxe e patrimonio

A obra é froito dun estudo liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense no que participou persoal docente e investigador das universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

A publicación, coordinada polo catedrático da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo Manuel Arias, contou na súa elaboración con especialistas como os profesores Pedro Araújo e María Teresa Barral, entre outros. Nela analízase en detalle un enclave, a Ribeira Sacra, “formada por 21 municipios de Lugo e Ourense e as canles dos ríos Miño, Sil, Bubal, Lor e múltiples afluentes con cuncas que suman máis de 100 quilómetros”, tal e como se indica na obra. Segundo sinalan en nota de prensa desde o órgano provincial, o libro consta de cinco capítulos e os seus resultados “amosan, como adoita suceder na natureza e na vida das persoas, que o esencial é o invisible para os nosos ollos, de aí a necesidade de ampliar o coñecemento e protexer este recurso oculto, o solo, e implantar as medidas adecuadas para paliar os impactos negativos sobre os elementos principais que constitúen a base da riqueza da Ribeira Sacra”, segundo recolle na introdución da publicación Montserrat Díaz, coordinadora das xornadas Ribeira: conservación do solo e construción da paisaxe.

Na presentación do libro, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, destacou que con el o órgano provincial “contribúe a divulgar este importante traballo que abrangue estudos de edafoloxía, viñedos, cuberta vexetal, paisaxe, clima, cultura, xeoloxía e xeomorfoloxía, que veñen a ratificar a relevancia deste lugar, cuxa andaina para ser Patrimonio Mundial comezou a instancias da Deputación de Ourense e atópase no seu tramo final”. O responsable provincial indicou que calquera estudo “que contribúa a divulgar as bondades da Ribeira Sacra e que defina a súa situación e a entidade deste territorio contará co apoio da Deputación de Ourense”, subliñando da obra presentada este martes que se trata dunha publicación “chea de compromiso, vocación de estudo e profesionalidade”.
Universidade de Vigo