Skip to main content

Noticias

  • O Son do Camiño reunirá no Monte do Gozo a 47 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo os vindeiros 16,17 e 18 de xuño. Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán, coincidindo ademais co Xacobeo. O Son do Camiño contará co cartel máis grande da súa historia, coas actuacións de The Chemical Brothers, C.Tangana, Sebastián Yatra, Guadi Galego, The Killer Barbies, Furious Monkey House, Liam Gallagher, Budiño, Jason Derulo, Dani Martín, Rigoberta Bandini, Triángulo de Amor Bizarro e Pablo Lesuit, entre outros.
  • Galicia acaba de despedir unha primavera desde o punto de vista climatolóxico que se caracterizou por ser cálida e seca, un balance ao que contribuíu de forma especial o mes de maio que rexistrou temperaturas moi altas e foi seco no que respecta ás precipitacións. Aínda que o trimestre comezou cun mes de marzo que se moveu dentro da normalidade en canto ás temperaturas e cun pouco máis de chuvia do habitual, abril xa foi máis seco —cun 30% menos de precipitacións que a media— e maio acabou caracterizándose como moi seco tras pecharse cun déficit hídrico do 58%, o que condicionou o balance final do conxunto da estación.
  • Os próximos xoves e venres, 2 e 3 de xuño, Santiago de Compostela acollerá na Cidade da Cultura a reunión fóra de sede da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) e a conferencia sobre turismo sostible, na que se destacará o Camiño de Santiago como modelo de sustentabilidade. Na reunión da Comisión NAT o xoves 2 de xuño abordaranse asuntos relevantes para o contexto europeo, e en especial para Galicia, como a seguridade alimentaria e enerxética, tendo en conta o impacto do conflito en Ucraína sobre os mercados de alimentos e como Europa se enfronta a esta situación.
  • Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul. Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na Comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.
  • Un total de 112 praias galegas pertencentes a 34 municipios terán este verán unha bandeira azul, distintivo co que cada ano a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece a areais de todo o mundo en base a criterios de sustentabilidade e de servizos. De todas as praias galardoadas nesta última edición cómpre subliñar que tres lucirán a bandeira por primeira vez: Porto Suevos, no concello de Arteixo; Banda do Río, en Bueu; e Santa Baia, en Vigo. Ademais, a de Fontela Valea, en Barreiros, volve sumarse á listaxe de areais galegos con esta distinción, despois de que o ano pasado non a recibira. Galicia concentra unha de cada cinco das bandeiras concedidas en 2022 en todo o país, con 112 areais recoñecidos que se estenden ao longo de 42,7 km.
  • Variedade de estilos musicais, de escenarios e de localidades, pero sempre baixo os principios da orixinalidade e da calidade das propostas, a 11ª edición de Xacobeo Importa inclúe unha ducia de concertos que se comezaron en febreiro e que se celebrarán ata o mes de outubro na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, en escenarios como o Palacio da Ópera, a Sala Capitol, o Auditorio Mar de Vigo ou o Pazo da Cultura de Pontevedra, onde rematará en outubro o ciclo. O programa incluíu os concertos de Eagles Of Death Metal e Joan As Police Woman, e contará cos concertos dos ingleses White Lies e de The James Hunter Six en maio.
  • A Cidade da Cultura transfórmase con Escenas do cambio non só no escenario idóneo para a representación das últimas tendencias nas artes escénicas, senón tamén en lugar de inspiración, recollemento e investigación para novas propostas de vangarda. Así, canda as pezas galegas que terán a súa estrea no festival, o público poderá gozar tamén de dúas obras creadas de maneira específica para a súa representación no Gaiás.
  • O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa por riba do 80%. No caso de destinos turísticos como Ferrol, Ourense Santiago de Compostela, a Mariña lucense ou Ribeira Sacra a ocupación foi incluso maior, situándose entre o 90% e o 100% nalgúns casos.
  • A ría de Vigo converterase o vindeiro mes de xullo no escenario dun espectáculo único coa chegada dos grandes veleiros da Ruta Iacobus Maris grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22. A cidade deu o pistoletazo de saída da peregrinación marítima máis longa do mundo. A Iacobus Maris supón o regreso a Galicia dos grandes veleiros en conmemoración da viaxe do corpo do Apóstolo ata Santiago de Compostela. A ruta xacobea marítima estará dividida en catro etapas e visitará cinco portos ao longo dunha peregrinación que partirá da localidade italiana de Xénova o día 25 de xuño e chegará ao Porto de Vigo o día 22 de xullo.
  • De cara á celebración de Semana Santa o sector turístico avanza boas perspectivas con previsións de ocupación entre o 60% e o 80%, se ben existen territorios que agardan acadar incluso ocupacións maiores como poden ser Santiago de Compostela, Ferrol ou Viveiro, polos de atracción polas celebracións vencelladas á Semana Santa. A meteoroloxía, as viaxes de proximidade e as reservas de última hora marcarán as ocupacións finais, aínda que o ritmo de chegada de peregrinos que se detecta nas últimas semanas apunta a unha Semana Santa boa para o sector. De feito, só na primeira semana do mes de abril chegaron a Santiago case 4000 peregrinos, máis dos que se chegaron en todo o mes de xaneiro e febreiro e tres veces máis dos que chegaron no mesmo período o ano pasado.