Skip to main content

A Cidade da Cultura suma nos espazos verdes do Gaiás unha intervención artística de Acisclo Manzano concibida como lugar para a conexión espiritual e coa natureza

O conselleiro de Cultura, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, subliñou o vencello que esta nova peza do recoñecido artista ourensán ten co Camiño de Santiago. Situada na ladeira do monte Gaiás que decorre paralela á Vía da Prata, O prisma dos sentidos inspírase nos santuarios e pequenos refuxios empregados polos peregrinos no seu camiñar.

Román Rodríguez inaugurou hoxe a instalación artística xunto con Acisclo Manzano e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. O escultor ourensán aclarou que esta capela non se identifica con ningunha deidade ou culto particular, aínda que entre as figuras hai algunha chiscadela á mitoloxía do Camiño, como a lousa que recrea a tumba dun suposto peregrino que finou nese mesmo lugar ao contemplar as torres da Catedral.

Esta obra escultórica de gran formato, realizada en formigón, engádese a outras intervencións artísticas de temática xacobea realizadas nos espazos verdes da Cidade da Cultura por creadores como Manolo Paz —Espellos—, Francisco Leiro —Zapatos no Camiño—, Clara Montoya —Constelacións II, coñecida tamén como “o banco do peregrino” —, ou Alicia Framis —Deixa aquí os teus medos—. Xuntas, constitúen un itinerario artístico que fai medrar o valor cultural das corenta hectáreas verdes do Gaiás.

Acisclo Manzano

Acisclo Manzano (Ourense, 1940) é un dos grandes representantes da escultura do noso tempo. Iniciou a súa formación na Escola de Formación Profesional e na Escola de Artes e Oficios de Ourense, continuando máis tarde a súa aprendizaxe en Santiago de Compostela, con Francisco Asorey e José Liste. Xa desde as súas primeiras encargas, cristos e figuras relixiosas en madeira, amosa unha clara tendencia á innovación formal.

Formou parte do grupo inicial de O Volter e tamén de Sete artistas galegos, e durante 60 anos expuxo a súa obra en Galicia e en grandes cidades de Europa e América. Recoñecido por críticos e historiadores, recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria, como o Premio Nacional de Escultura en 1962 e 1968, o Premio Otero Pedrayo 2016 e a Medalla de Ouro de Ourense o pasado ano. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes.

A súa escultura móvese esteticamente dentro do universo figurativo e o expresionismo, aínda que nalgúns momentos da súa carreira chegou a aproximarse ao territorio da abstracción.
R.