Skip to main content

A nova edición do Festival Peregrinos Musicais incorporará unha xornada de música clásica na rúa

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da nova edición do Festival Peregrinos Musicais, a iniciativa apoiada pola Xunta coa que ano a ano se contribúe a divulgar o traballo de novos intérpretes de música clásica. Como explicou, a cita chega este ano con distintas novidades como o reforzo da presenza galega ou unha xornada de música clásica a pé de rúa “para achegar aínda máis este xénero musical a todos os públicos e seguir co obxectivo do Goberno galego de traballar para abrilo á sociedade”. Tamén haberá unha homenaxe ao compositor e pianista Sergei Rachmaninoff co gallo do 150 aniversario do seu nacemento e un reforzo da presenza de talentos galegos.

O programa deste ano, que se celebrará entre o 29 de xuño e o 14 de xullo, incluirá un total de sete xornadas musicais, con entrada de balde, protagonizada tanto por mozos como por artistas consagrados de carácter internacional de Ucrania, Alemaña e España. Os concertos celebraranse no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia, no Hostal dos Reis Católicos e no Pazo da Peregrina, no concello de Ames.

Este ano potenciarase o talento galego, tendo en conta o “bo nivel dos intérpretes galegos de música clásica”, explicou Anxo M. Lorenzo. Neste sentido, para o certame foron escollidos tres galegos: os pianistas Yuri Durán e Cristina Bernal e o cellista Jorge Suárez. O espectáculo a pé de rúa, Música nos balcóns, será o venres 7 de xullo e nel sete novos talentos internacionais ofrecerán a súa obra desde catro edificios emblemáticos no casco histórico compostelán. Tamén ofrecerán un concerto no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o domingo 9 de xullo e o martes 11 poderán actuar como solistas no tradicional concerto coa Real Filharmonía de Galicia.

Tamén artistas consagrados

Ademais, o festival contará con consagrados artistas internacionais como a violinista Diana Poghosyan, os pianistas Gala Chistiakova e Diego Benocci, o cellista Roger Morelló Ros, a pianista Ilona Timchenko, a clarinetista Jean Johnson e o cellista Iván Balagyer Zarzo.

En canto á homenaxe a Rachmaninoff, estará presente en todo o festival nas pezas musicais que se interpreten. En concreto, Peregrinos Musicais comezará cunha obra creada polo recoñecido compositor na honra de Tchaikovski. Toda a información e programa pode consultarse na web do festival www.peregrinosmusicales.com.
R.