Skip to main content

Noticias

  • Galicia segue a recuperar os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que xa logra, nos dez primeiros meses do ano, superar por quinto exercicio consecutivo, os 20.000 millóns de euros en exportacións. En concreto, e tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, as exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e outubro, nun 22,8%, ata acadar os 20.600 millóns. Deste xeito, supéranse tamén os niveis previos á pandemia da covid-19 cunha suba de preto do 13% fronte ao mesmo período de 2019.
  • A Cidade da Cultura é o escenario elixido para o primeiro concerto da xira da Sinfónica de Galicia coa cantaora Marina Heredia, que fará o seu debut coa orquestra o 17 de decembro no Museo Centro Gaiás. Con esta actuación especial, a Xunta de Galicia dá comezo este venres á programación de actividades pensadas para gozar en familia do Nadal no Gaiás. Filla e neta de cantaores, Marina Heredia medrou rodeada de flamenco e comezou a cantar desde moi nova, pisando por primeira vez os escenarios con tan só 12 anos.
  • Este Nadal, os Bolechas están a preparar unha carta a Papá Noel, pero a cousa complícase e deciden seguir o labor comendo noces, que así pensan mellor. Mais as noces teñen a casca moi dura e escachan os dentes. Entón, os irmáns collen un crebanoces na cociña, pero trillan os dedos. De súpeto, alguén chama á porta e aparece un enorme crebanoces de Nadal chegado directamente de Alemaña para axudalos, mais ao pouco de empezar, o convidado fica inmóbil. Tras unha chamada ao 112, os Bolechas descobren que o crebanoces non é humano, senón un boneco de corda e, ademais, non teñen a chave para volver activalo.
  • Galicia rexistrou durante esta ponte unha ocupación media ata o luns dun 75-80%, onde destaca a ocupación por riba do 90% nos hoteis de 4 estrelas ou superiores, así como nos que ofertan spa ou similares, ademais do turismo rural, no que algúns establecementos da provincia de Ourense acadaron o 100%. O sábado rozouse a plena ocupación en boa parte dos destinos galegos, cifras que foron baixando paulatinamente nas noites de domingo e luns.
  • A Cidade da Cultura de Galicia deu a coñecer no marco da feira Culturgal as actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do 17 de decembro. A programación conta cunha instalación no interior do museo a cargo da recoñecida artista Ana Inés Jabares-Pita, que recreará o Camiño de Inverno a través de bólas de neve a escala humana. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá na xornada inaugural un gran concerto co acompañamento da cantaora Marina Heredia no que interpretarán obras de García Lorca e Falla.
  • A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da 50ª edición do Belén de Begonte, que abrirá as súas portas entre o 4 de decembro e o 29 de xaneiro de 2022. A cita, declarada de interese turístico galego, recupera así a presencialidade despois de celebrar o ano pasado unha edición virtual por mor das restricións impostas a causa da pandemia. Porén, tamén poderá ser visitado a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. A versión virtual do Nacemento estará dispoñible en galego, castelán e inglés.
  • Outubro confirmou o excelente ritmo de recuperación da demanda turística en Galicia, segundo os últimos datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con preto de 402.000 viaxeiros aloxados e máis de 754.000 noites, os hoteis galegos pecharon o mes pasado triplicando o dato do ano pasado, o que se traduce nunha recuperación do 95% da demanda turística dos hoteis galegos, 15 puntos mellor que o conxunto do Estado.
  • A Xunta e os hostaleiros acordaron solicitar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- para acceder aos locais do sector co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria debido ao aumento dos contaxios nas últimas semanas pero causando o mínimo prexuízo posible ao sector. O Goberno galego, dacordo cos hostaleiros, proporá solicitar o certificado covid na hostalería, que require autorización previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A previsión é solicitalo nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías a partir das 21,00 horas.
  • A primeira edición de Sinsal Museo do Mar ofrecerá tres xornadas de música que xuntarán tradición e vangarda, comezando polas sonoridades do jazz, do folk ou do indie que transita Luísa Sobral, unha das voces novas máis salientables de Portugal. En canto aos concertos da vindeira semana, o recinto museístico contará con dous escenarios situados nas salas Curiosidades científicas e Lonxa. Na primeira delas, terán lugar na tarde do sábado 20 os acústicos do compositor e produtor británico, residente en Vigo, Adrian Timms e mais de Rebe, unha das revelacións da escena musical española.
  • A Biblioteca Nacional Española inaugurou hoxe a exposición Xacobeo. As pegadas do Camiño, a nova mostra coorganizada coa Xunta de Galicia e Acción Cultural Española que repasa as testemuñas e pegadas que o Camiño de Santiago deixou nos últimos séculos na historia, na cultura, na arte, na literatura ou nas paisaxes a través dunha selección de máis de 200 pezas únicas procedentes de fondos de distintas institucións e coleccións particulares. Esta mostra enmárcase na programación cultural do Goberno autonómico polo Xacobeo 21-22.