Skip to main content

Galicia rexistrou un mes de setembro cálido e con precipitacións que se moveron dentro da normalidade

O período caracterizouse por unha gran variabilidade climatolóxica, con anticiclóns intensos que se alternaron con borrascas atlánticas e mesmo os restos dunha tormenta tropical, a mediados de mes. Esta situación cambiante explica por que setembro, no seu conxunto, rematou cun balance de chuvias sen anomalías significativas, mentres que as temperaturas foron algo máis altas do normal, debido sobre todo aos valores mínimos.

O comportamento por zonas, en todo caso, non foi homoxéneo. No que respecta aos termómetros, os valores máis baixos das temperaturas medias rexistráronse na Baixa Limia, cunha anomalía de 1,4 graos menos do habitual neste período, mentres que os máis elevados concentráronse nas comarcas da Coruña e Vigo, cunha temperatura media de ata 2,2 graos por riba do previsto.

En canto ao balance pluviométrico, durante todo o mes de setembro a precipitación media acumulada no conxunto de Galicia foi de 87 litros por metro cadrado, un balance que se pode considerar normal para esta época do ano aínda que con contrastes importantes en determinadas áreas xeográficas.

Neste sentido, o suroeste da provincia da Coruña concentrou o maior volume de chuvias da Comunidade, acadando valores puntuais de ata 254 l/m2. No extremo contrario, a comarca ourensá de Valdeorras, con valores de apenas 11 l/m2, foi na que menos choveu.
R.