Skip to main content

Noticias

  • A Biblioteca de Galicia inaugurou a mostra 'Imago Sancti Iacobi: a iconografía xacobea na Biblioteca de Galicia', unha exposición de percorre os deseños, iconas e ilustracións coas que foron representados o Camiño de Santiago, o Apóstolo e a cidade de Compostela ao longo dos séculos. Comisariada por Daniel Buján e Nacho Cabano, a exposición reúne máis de 40 obras da colección da Biblioteca de Galicia sobre a evolución dunha tradición iconográfica que contribuíu enormemente a engrandecer o fenómeno xacobeo e a estendeu o coñecemento do Camiño de Santiago e Compostela. A exposición ilustra as primeiras representacións da cidade, e a paulatina aparición de iconografías e simboloxías do fenómeno xacobeo.
  • Vén de resolverse a XXII edición do Premio Elías Valiña, o galardón co que distingue o labor revitalizador dos valores do Camiño de Santiago. Como se publica no Diario Oficial de Galicia, este ano recae de xeito conxunto nas Asociacións de Amigos del Camino de Santiago en Ávila e na de Hungría. Ademais, o xurado decidiu recoñecer a título póstumo ao médico e antropólogo compostelán José Carro Otero, falecido recentemente, cunha mención especial pola súa contribución á divulgación e investigación da Ruta Xacobea.
  • Galicia segue a mellorar as súas cifras de afluencia turística e no mes de xullo os establecementos hoteleiros galegos recibiron 480.000 viaxeiros, o que supón case 20 puntos menos que a caída de visitantes no conxunto de España respecto a 2019. Así, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), se a baixada de turistas a nivel nacional o mes pasado foi de case o 30%, en Galicia contívose cun descenso 10,7% en comparación co mesmo mes de 2019. Ademais, a comunidade rexistrou un 80% máis de visitantes que en xullo do ano pasado que reforza a tendencia á recuperación do sector.
  • O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron unha xuntanza por videoconferencia cos representantes da hostalería en Galicia para revisar a proposta realizada pola Administración o pasado venres, sobre o establecemento dun modelo que garanta o acceso seguro as locais, independentemente da situación epidemiolóxica que teña cada concello. A esta xuntanza tamén acudiron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
  • O líder de La Vuelta 21 recibirá unha Cunchiña ao final de cada etapa; é dicir, un boneco de peluche que representa á mascota virtual do Xacobeo 21-22. Deste xeito, o portador do maillot vermello colaborará na difusión do dobre Ano Santo no percorrido da competición desde este sábado 21 de agosto ata a chegada á meta na praza do Obradoiro o 5 de setembro. A mascota virtual do Xacobeo foi ideada inicialmente para o seu uso nas redes sociais, onde acadou unha grande difusión cos seus 32 stikers e con case un centenar de gifs para o seu uso a través de WhatsAp, Facebook, Instagram e Telegram.
  • As entradas dos Concertos na fin do mundo xa se esgotaron practicamente nas 4 actuacións previstas ata mediados de setembro en 4 faros galegos emblemáticos no marco deste ciclo incluído na programación do Xacobeo e en colaboración con La Caixa. Para a primeira actuación que se celebrará mañá no faro Cabo Silleiro de Baiona xa se venderon tódalas entradas para desfrutar da música de As Tanxugueiras. O mesmo ocorre co previsto para o 27 de agosto no faro Punta da Barca de Muxía con Dulce Pontes como cabeza de cartel e o do 10 de setembro no Punta Atalaia de San Cibrao de Cervo onde actuará Mikel Erentxun.
  • A exposición 'Faraón. Rei de Exipto', froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación 'la Caixa' e o British Museum no marco do Xacobeo 21-22, despediuse da Cidade da Cultura tras congregar 76.367 visitantes desde o pasado mes de marzo. Convértese así na mostra máis concorrida da historia do Museo Centro Gaiás, tanto en números absolutos como en media diaria –621 visitantes mensuais–. A estes datos, cómpre sumar tamén máis de 5.000 estudantes que participaron no programa de visitas didácticas a través de videoconferencia, unha iniciativa que achegou a exposición ás aulas de 121 centros de ensino.
  • O gaiteiro Anxo Lorenzo, as cantareiras As Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel que terá como escenario os faros de Baiona, Muxía, Ribeira e Cervo. Xunto e eles actuará tamén a dj galega Russihha e grupos emerxentes do panorama musical galego. Os concertos serán o 21 e o 27 de agosto e o 3 e o 10 de setembro, para grupos reducidos que van de 100 as 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación dese escenario natural, tendo en conta os protocolos de seguridade e as normas sanitarias. A proposta, ademais, persegue valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade.
  • A exposición 'Faraón. Rei de Exipto' pecha as súas portas este domingo 15 de agosto na Cidade da Cultura, onde continúa a congregar diariamente a centos de persoas visitantes para gozaren desta escolma de pezas procedentes das coleccións do British Museum, que poden verse no Gaiás froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación ”la Caixa” e o propio museo británico, no marco do Xacobeo 21-22. A exposición, que achega por vez primeira a Galicia esta escolma de 140 pezas de arte exipcia con máis de 3.000 anos de historia, explora o simbolismo e o ideario da monarquía do país do Nilo, á vez que tenta desvelar as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou esta antiga civilización.
  • O programa inclúe máis de 30 concertos por toda a xeografía galega, outras actuacións enmarcadas en ata catro xiras (algunhas mesmo fóra da Comunidade) e a gravación de catro proxectos musicais. Así mesmo, están previstas unha decena de accións como encargas a compositores, proxectos dirixidos a promover a música clásica entre os máis novos ou a fomentar dentro destas entidades o uso de plataformas dixitais para a difusión das súas creacións. O obxectivo desta programación é reforzar a presenza da música clásica na celebración do Xacobeo, achegándoa ao gran público.