Skip to main content

O sector turístico galego pecha a Semana Santa cunha ocupación media por riba do 80%

Desde o Goberno galego púxose en valor o gran traballo do sector turístico e a elección do viaxeiro, maioritariamente de orixe nacional e de proximidade, que soubo ver en Galicia o destino ideal para esta Semana Santa. O Camiño de Santiago no marco da celebración deste Xacobeo 21-22 xogou un papel fundamental neste bo comportamento na chegada de viaxeiros, acadando unha media de máis de 2.200 peregrinos diarios durante os días festivos, o que se traduciu na chegada de máis de 8.700 peregrinos entre o Xoves Santo e o Domingo de Pascua.

Ocupación por provincias

Por provincias e territorios, destacou o bo comportamento da provincia da Coruña, onde Santiago e a Coruña cumpriron expectativas de ocupación, situadas arredor do 80% que foron dun 90% en Ferrol durante os días grandes mentres que a Costa da Morte a ocupación foi arredor do 60%.

Na provincia de Pontevedra, Sanxenxo tamén marcou unha media de ocupación do 80% das súas prazas hoteleiras, que incluso rondou o 90% nos hoteis de máis categoría. En Vigo a ocupación quedou arredor do 70% mentres que na provincia de Lugo foi a Mariña lucense a que acadou as mellores cifras de ocupación, cun 75%, xunto á Ribeira Sacra en que a ocupación estivo arredor do 80%, con cifras incluso superiores nos establecementos de turismo rural.

Finalmente a provincia de Ourense non quedou atrás, marcando unha ocupación de xoves a domingo arredor do 80%. En termos xerais cumpre destacar que os establecementos turísticos con maior categoría e os rurais foron as tipoloxías reguladas que marcaron os mellores resultados de ocupación na que foi a primeira Semana Santa sen apenas restricións e na que os viaxeiros amosaron non só gana de viaxar se non que tamén se decantaron por destinos turísticos de calidade e seguros como é o destino Galicia.
R.