Skip to main content

Galicia despide unha primavera climatolóxica cálida e seca na que destaca a escasez de chuvias do mes de maio

Galicia acaba de despedir unha primavera desde o punto de vista climatolóxico que se caracterizou por ser cálida e seca, un balance ao que contribuíu de forma especial o mes de maio que rexistrou temperaturas moi altas e foi seco no que respecta ás precipitacións.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou a sede de MeteoGalicia para facer balance da pasada estación no marco dos actos da Semana por unha Galicia sostible que promove a Consellería co gallo do Día mundial do medio ambiente, que se celebra o vindeiro 5 de xuño.

Neste sentido, explicou que aínda que o trimestre comezou cun mes de marzo que se moveu dentro da normalidade en canto ás temperaturas e cun pouco máis de chuvia do habitual, abril xa foi máis seco —cun 30% menos de precipitacións que a media— e maio acabou caracterizándose como moi seco tras pecharse cun déficit hídrico do 58%, o que condicionou o balance final do conxunto da estación.

Así mesmo e con respecto ao verán, que desde o punto de vista climatolóxico comeza hoxe e se estenderá ata o 31 de agosto, a conselleira explicou que se ben os prognósticos meteorolóxicos a tres meses vista teñen unha baixa fiabilidade, os dous centros que a nivel mundial realizan este tipo de predicións —Copernicus en Europa e Climate Prediction Center en Estados Unidos— coinciden en que existen altas probabilidades de que o período xuño-xullo-agosto sexa máis cálido do normal.

En todo caso, tal e como adiantou o coordinador de MeteoGalicia Juan Taboada, o mes comezará cunha semana de temperaturas suaves pero durante a que se esperan bastantes chuvias, aínda que de cara á segunda semana os modelos apuntan a que haberá unhas condicións atmosféricas máis estables, polo que aumentarán as probabilidades de tempo seco e con valores en ascenso.

Tras salientar a importancia de que Galicia poida contar co seu propio servizo meteorolóxico, todo un referente en materia climatolóxica e científica a nivel nacional, Ángeles Vázquez destacou o papel de MeteoGalicia para garantir que a cidadanía poida gozar da natureza e das actividades ao aire libre este verán sen riscos para a súa saúde, un obxectivo para o que se seguen incorporando melloras técnicas.

Ao respecto, entre as novidades que se porán en marcha este verán haberá unha nova operativa de episodios de calor na que se terán en conta o valor medio das temperaturas durante toda a xornada en cada municipio para o que, previamente, se calcularán os valores que se poden considerar elevados para cada concello.

Se a media dun determinado día é superior a esta, darase un aviso para ese municipio concreto que pode ser amarelo, laranxa ou vermello en función da magnitude da separación. No caso de que estes episodios de calor duren polo menos 3 días e afecten a un número considerable de concellos, decretarase a situación de vaga de calor por parte da Consellería de Sanidade.

Así mesmo, seguirase a monitorizar de xeito completo a radiación ultravioleta grazas aos cinco medidores de UV existentes en Galicia e ofrecendo aos cidadáns información de utilidade para coñecer a evolución do índice ao longo do día e saber cando a exposición é menos perigosa para a saúde.
R.