Skip to main content

Presentada a 38ª edición da Mostra de Teatro de Ribadavia, que recupera a súa dimensión internacional

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo e na que recupera a súa dimensión internacional tras dous anos centrados no apoio ás compañías galegas cun formato condicionado pola pandemia. A Xunta de Galicia renovou un ano máis o seu compromiso coa MIT, da que é unha das principais entidades colaboradoras en virtude dun convenio que lle recoñece ao encontro ribadaviense o seu relevante papel no sistema teatral galego.

Así o expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Jacobo Sutil, quen interveu nesta presentación xunto aos representantes da organización e do resto de entidades implicadas. Fixo fincapé, ademais, en que o apoio do Goberno galego a esta mostra insírese no seu programa xeral de dinamización dos festivais galegos de artes escénicas, do que forma parte tamén a convocatoria anual de subvencións, que este ano distribuirá 200.000 euros entre outros eventos considerados estratéxicos no seu ámbito.

Unha edición especial

Sutil subliñou, ademais, o carácter especial desta 38ª entrega da MIT, que volve recibir espectáculos de fóra de Galicia, reforza as súas actividades complementarias e fai gala dun “novo mérito que se engade aos moitos que xa posúe o encontro: unha estrutura tan flexible como sólida, capaz de superar as moitas dificultades destes dous últimos anos”, sinalou.

Baixo o lema Actuando nas marxes, a programación que se desenvolverá en diferentes espazos da capital do Ribeiro, con epicentro no Auditorio Rubén García do Castelo, está integrada por unha vintena de producións de teatro e danza chegadas de Perú (Hamlet, de Teatro La Plaza), Portugal (Margem, de Nome Próprio) e diferentes puntos de Galicia e do resto de España, como A Rioxa, Baleares, Cataluña, Madrid ou País Vasco.

Apoio a producións e coproducións

O responsable de Industrias Culturais lembrou que moitos dos títulos galegos que se exhibirán nesta 38ª edición contan con apoio económico da Xunta ben a través da convocatoria anual de axudas á creación escénica, ben a través do programa de coproducións que mantén a través do Centro Dramático Galego.

Neste apartado, puxo o foco na estrea o 21 de xullo de Relato para un incendio, espectáculo de aAntena en coprodución co CDG e a propia MIT, a partir do texto escrito por Ernesto Is no marco da I Bolsa de Dramaturxia e Creación que convocou en 2021 a Xunta de Galicia. En Ribadavia poderán verse, así mesmo, outras montaxes participadas polo Centro Dramático Galego, como Arte sen guión, de Galeatro; A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, ou O péndulo, de Inversa Teatro e tamén coa Mostra Internacional de Teatro como coprodutora.

Ademais de felicitar a organización polo programa deste ano, que inclúe o concerto inaugural de Sheyla Patricia, presentacións de libros e coloquios coas compañías, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais trasladoulle publicamente os seus parabéns ao actor, director teatral e titiriteiro Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, a quen a MIT honra este ano co seu Premio Roberto Vidal Bolaño. “Este é, sen dúbida, un ano importante parta el, cando ademais acaba de obter o premio María Casares ao mellor actor pola súa interpretación en Terceiro acto, do CDG”, concluíu.
R.