Noticias
-
Os Trens Turísticos de Galicia –a proposta turística posta en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo, Renfe e o Inorde entre os meses de xuño e outubro– veñen de pechar a súa tempada con máis de 2.300 viaxeiros, o que supón un 7,4% máis que o ano anterior, e preto dun 93% de ocupación, alcanzando así a mellor cifra das súas seis edicións. Acadouse o cen por cen de ocupación en tres das 12 rutas programadas: a Ruta dos Faros, da Ruta da Ribeira Sacra do Sil e a Ruta dos Mosteiros, unha das novidades deste ano.
-
Londres, a capital do Reino Unido, acolle esta semana o certame turístico World Travel Market (WTM), no que se amosa a oferta turística de Galicia. Trátase dunha feira exclusivamente profesional considerada unha das citas turísticas de maior repercusión no ámbito mundial e que este ano celebra a súa trixésimo novena edición. A Comunidade galega está presente cun módulo propio da Consellería de Cultura e Turismo, de 48 metros cadrados, dentro do recinto de España. O espazo galego dispón de catro mostradores desde os que se promoverá Galicia como destino turístico, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21.
-
Un total de 69 xogadores galegos, procedentes das catro provincias galegas, participan nesta edición do Mundial, a máis numerosa das tres celebradas ata agora nas categorías sub-8, sub-10 e sub-12. Durante as 11 rondas que se disputarán ata o día 16 de novembro medirán as súas forzas con rivais de 85 países, once dos cales lograron xa, a pesar da súa curta idade, algúns dos títulos máis prestixiosos que outorga a Federación Internacional de Xadrez (FIDE), como o de Mestre Internacional ou Mestre e Mestra FIDE. Máis aló do aspecto deportivo, a celebración do Mundial de Xadrez Cadete no Gaiás supón un impulso excepcional para o sector turístico de Galicia.
-
O proxecto Stay here, do sevillano Alejandro Ginés, resultou gañador da VI Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os e as participantes do Encontro de Artistas Novos (EAN) 2018. Trátase dunha peza escultórica, a modo de torre coroada por unha cadeira pregada, que converte as edificacións ideadas por John Hejduk –e construídas por Peter Eisenman no Gaiás a modo de homenaxe– nunha especie de enxeñosa matrioska, que convida á participación de quen a ve, tanto no seu posible manexo como nas súas múltiples lecturas.
-
Este paquete turístico está incluído no catálogo Adagio 2019, dentro do que figuran outras coidadas ofertas para realizar viaxes en distintas partes do mundo. Pazos e xardíns de Galicia desenvólvese ao longo de oito días de estancia no territorio galego e nel inclúese o aloxamento, a manutención e os traslados e a viaxe en avión desde Londres a Galicia. Os viaxeiros que se decidan por esta viaxe organizada terán a oportunidade tamén de coñecer unha boa parte dos xardíns históricos de Galicia así como a Ruta da camelia.
-
O madrileño Manuel Miguel Pozo Guerra, recibiu do Presidente da Xunta a “Compostela” que, no seu caso, é a especial distinción que se lle entrega, dixo Núñez Feijóo, “cando se está a preparar o mellor Xacobeo da nosa historia”, asegurando que este incremento de peregrinos, chegados desde 172 países e cada vez por máis rutas xacobeas, demostra que “Galicia gusta” e que o traballo de todos fai que o Camiño de Santiago xa non sexa un fenómeno exclusivo dos anos santos
-
Esta liña de subvencións da Xunta, busca afondar nun sector máis competitivo e de maior calidade, contemplándose actuacións para elevar a categoría actual dos establecementos, a modernización de instalacións, embelecemento e actualización de equipos. A Consellería de Cultura e Turismo, dentro do seu obxectivo de afondar nun sector turístico máis competitivo, vén de investir case 1 millón de euros para estimular a renovación de establecementos de aloxamento.
-
A Cidade da Cultura despide este domingo, 14 de outubro, a mostra máis ambiciosa realizada, ata o momento, sobre as nosas artes plásticas: Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación e cuxo enorme interese levou a máis de 30.000 persoas a achegarse, desde o pasado 16 de marzo, ao Museo Centro Gaiás para admirar unha selecta escolma de 192 obras procedentes das dúas coleccións corporativas de arte máis senlleiras da comunidade e consideradas entre as máis importantes de España.
-
Máis de 90.000 espectadores e 340 actuacións escénicas e musicais en 103 concellos de Galicia é o primeiro balance do ciclo Cultura no Camiño, que arrancou o pasado mes de abril e que pecha hoxe a súa programación cun concerto do grupo Treixadura, en Valga, ao que asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. Esta iniciativa, que vai xa pola súa sexta edición, está promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, e volveu contar, ademais, co patrocinio de Gadis.
-
Seis concertos de recoñecidos artistas nacionais e internacionais completarán este outono a programación de O Son do Camiño 2018, o festival co que Galicia promove a celebración do Xacobeo 2021. Despois de que o festival tivera lugar en Santiago de Compostela, as novas citas musicais ampliarán o seu alcance ao resto de cidades da Comunidade, situadas en diversos itinerarios xacobeos. As seis citas terán lugar ao longo dos meses de outubro e novembro, cunha proposta que dá continuidade ao festival, celebrado con gran éxito, pois ao longo de tres xornadas congregou a 84.000 asistentes de 12 países no revitalizado Parque Monte do Gozo.