Noticias
-
Presentouse onte o Desfile dos Entroidos, un pasarrúas que o 8 de setembro percorrerá as rúas do casco vello de Santiago de Compostela cos personaxes de 13 entroidos, varios dos cales participaron no acto para dar a coñecer este evento. Galicia conta con nove entroidos recoñecidos como festa de interese turístico. Dous deles, Xinzo de Limia e Verín, acadaron a declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia: Viana do Bolo, Cobres, Laza, Manzaneda, Xenerais da Ulla, Maceda e Vilariño de Conso.
-
Este mércores terá lugar a inauguración da temporada expositiva na Fundación DIDAC en Santiago de Compostela coa exposición Manuel Eirís / Miguel Marina. A Fundación DIDAC retoma a súa actividade, que nos próximos meses completarase coas mostras individuais do artista galego Antón Reixa e a valenciana Irene Grau, así como os encontros e conferencias do ciclo Galicia. Un século de creación, programación que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977) e Miguel Marina (Madrid, 1989) son os artistas encargados de inaugurar a temporada de exposicións na Fundación DIDAC.
-
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, deu a benvida aos 40 creadores e creadoras que participan na oitava edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN8. O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Román Rodríguez destacou que desde a apertura en 2011 da Cidade da Cultura “tiñamos claro que a súa programación cultural debía contar con espazos abertos para o intercambio de ideas e a convivencia creativa”.
-
O turismo galego atravesa un momento de consolidación despois dun lustro de intensos crecementos. Na consecución dun modelo que afonda na calidade, o sector hoteleiro avanza en variables como o tempo medio que os viaxeiros permanecen en Galicia e as tarifas, cun crecemento do 5% e do 2,5% en xullo. Malia que a climatoloxía non foi a mellor no sétimo mes do ano, o sector soubo manterse e mesmo mellorar un punto a ocupación nas fins de semana.
-
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, participaron nos actos polo 30 aniversario da D.O. vitivinícola Rías Baixas, organizados polo Concello de Salvaterra de Miño e a Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, variedade que esta fin de semana celebra a súa festa. A cita supuxo unha homenaxe ás persoas que contribuíron ao impulso e posterior consolidación da DO Rías Baixas como parte do desenvolvemento económico de Galicia
-
A Xunta de Galicia apoia as adegas da Ribeira Sacra lucense con axudas directas que superan os 703.240 € e que permitiron mobilizar investimentos por valor de 1,9 millóns de euros, dirixidos a promover melloras nas súas instalacións e impulsar a súa actividade. Benefícianse un total de 14 adegas nos concellos de Sober, Chantada, Pantón e O Saviñao.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán ao solpor da Cidade da Cultura de Galicia, despediuse o sábado pasado, día 18, co reguetón feminista de Tremenda Jauría, tras 21 actuacións ao aire libre e de balde coas que bateu o seu récord de participación con máis de 16.000 asistentes. O cartel deste ano foi un fiel escaparate das tendencias musicais actuais. Deste xeito, deulle máis espazo ás músicas urbanas —como o trap de Rels B ou a cumbia-electrónica de La Redada— e evidenciou unha clara aposta polas voces femininas —maioría nesta edición— e nun abano amplo de rexistros desde o soul, jazz ou a bossa nova con Dom La Nena, Mordem e Nathy Peluso, entre outras.
-
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañados polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña, realizaron esta mañá unha andaina polo Camiño Portugués da Costa promovida por este concello pontevedrés coa que conmemoraron o segundo aniversario do recoñecemento oficial desde itinerario xacobeo, que se fixo efectivo coa entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural de Galicia en agosto do ano 2016. Desde que o Camiño Portugués da Costa acadara esta distinción, o número de peregrinos que o percorreron multiplicouse por cinco.
-
O censo oficial recolle este ano un total de 507 zonas de baño, tanto marítimas como continentais. Delas, un 80,8% obtivo unha clasificación sanitaria excelente segundo os datos publicados no informe técnico anual ao peche da campaña 2017 e que son os que están vixentes durante este verán. Segundo se recolle neste informe, ademais das mencionadas zonas de de baño con clasificación excelente, o 11,7 % obtiveron unha clasificación boa, o 5,1% unha clasificación suficiente e o 2,4 % unha clasificación sanitaria insuficiente.
-
Na súa 32ª edición, o Festival Noroeste Estrella Galicia continuou o seu ascenso de popularidade para converterse nunha das citas estatais musicais imprescindibles do verán. Cun modelo de festival de rúa, que aposta pola cultura próxima e de calidade, sen esquecer as figuras internacionais, a cita coruñesa conquistou nesta ocasión a máis de 90.000 persoas. Coa cidade como un escenario máis, chamado a ocupar un papel protagonista, o festival converteuse nun dos eventos urbanos máis importantes da península, atraendo a atención de miles de persoas, coruñesas e visitantes en busca dunha experiencia musical e cultural completa.