Skip to main content

Noticias

  • A Cidade da Cultura acolleu a tarde de hoxe a XV Romaría Coral galega, o evento máis importante en Galicia deste xénero musical, ao reunir preto de 800 voces na Praza Central do Gaiás, procedentes de 34 agrupacións. Todas elas entoaron de maneira conxunta pezas do cancioneiro popular galego e internacional, obras de autores clásicos e, como colofón, remataron interpretando o Himno galego, acompañados pola Banda Municipal de Música de Santiago. A XV Romaría Coral Galega comezou ao mediodía de hoxe coa asistencia de todos os participantes á misa cantada na igrexa de San Francisco, en Santiago de Compostela.
  • O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo desvelou hoxe a programación da súa vixésimo sétima edición, que do 28 de setembro ao 31 de outubro desenvolverá 41 espectáculos e diferentes accións paralelas arredor da exhibición e da formación escénica. O Pazo da Cultura, principal sede do FIOT, acolleu esta tarde a presentación da que é unha das citas máis importantes da nova temporada teatral, tanto por volume de actividade como por número de días de celebración. Entre as compañías programadas figuran moitos nomes imprescindibles da escena actual.
  • A Cidade da Cultura de Galicia convértese esta semana no epicentro do debate sobre as novas tendencias á hora de abordar proxectos culturais. No marco do WOS Festival, evento que celebra a cultura de vangarda desde espazos emblemáticos de Santiago de Compostela, o Gaiás acolle este mércores e xoves parte dos WOS Encontros, catro faladoiros abertos ao público entre os que destaca o encontro con Peter Kember (Sonic Boom), referente de culto da música moderna. Pioneiro e explorador constante do son, o músico británico marcou o desenvolvemento de xéneros tan diversos como o pop, o space-rock e a psicodelia ou a electrónica.
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, explicaron en rolda de prensa os últimos avances das intervencións realizadas na Catedral de Santiago e a necesidade de acometer un peche provisional do espazo onde se atopa o Pórtico da Gloria pola execución das obras de restauración dos paramentos interiores e das bóvedas. Ao abeiro do convenio entre o Ministerio de Hacienda, a Consellería de Cultura e Educación, o Cabido do Conxunto Catedralicio e a Fundación Catedral estase a traballar cun investimento de 17 millóns de euros para chegar ao 1 de xaneiro de 2021 nas mellores condicións para celebrar vindeiro Xacobeo.
  • Deste xeito, únese á festividade do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona. A Festa do Albariño de Cambados é unha das celebracións vitivinícolas máis antigas de Galicia e a segunda de España, e conseguiu afianzarse nos últimos anos como gran expoñente do potencial enogastronómico da Comunidade.
  • Preto de 300 participantes recrearon esta fin de semana os entroidos galegos cun colorido desfile polas rúas do casco vello de Santiago de Compostela no que puideron amosar a autenticidade, variedade e riqueza desta tradición. Galicia conta con nove entroidos recoñecidos como festa de interese turístico. Dous deles, Xinzo de Limia, cos pantallas, e Verín, cos cigarróns, acadaron xa a declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia: Viana do Bolo, cos boteiros e folións; Cobres, coas madamas e galáns; Laza, cos peliqueiros; Manzaneda, coas mázcaras; os Xenerais da Ulla; Maceda, cos felos, e Vilariño de Conso, cos boteiros.
  • Entre os itinerarios que se porán en marcha ao longo das vindeiras fins de semana atópase a Ruta dos Mosteiros, unha das novidades deste ano, que permite achegarse ata os xardíns do Pazo de Oca, no concello pontevedrés da Estrada; ao mosteiro de Carboeiro, en Silleda; ao mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou ao templo da Veracruz do Carballiño, ambos na provincia de Ourense. Os participantes rematan a xornada no balneario de Caldas de Partovia, onde poderán gozar das súas augas termais, completando así unha oferta moi atractiva que incorpora ao programa de visitas espazos emblemáticos do noso patrimonio.
  • Preto de 200 persoas de 37 nacionalidades diferentes inscribíronse xa na 7ª edición da World Trails Conference, o congreso bianual internacional da rede mundial de camiños e sendeiros World Trails Network, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 26 e o 29 de setembro. O congreso mantén aberto o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas en aprender da xestión que se realiza nas máis importantes rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo que estarán presentes no encontro.
  • Galicia presenta durante toda esta semana a súa capacidade e o seu atractivo como destino de turismo de congresos, eventos e negocios, o denominado sector MICE. O departamento de Turismo da Xunta participa nun workshop de M&I Fórums especializado no mercado francés e suízo. Ao longo de cinco xornadas de traballo, persoal técnico autonómico mantén reunións con operadores turísticos nas cidades de Lyon, Lausanne e Zúrich co fin de amosar o potencial galego neste eido. A Comunidade dispón de infraestruturas e recursos para acoller este tipo de actividades, un nicho de mercado que encaixa co modelo impulsado pola Estratexia do turismo de Galicia 2020.
  • As Torres Hejduk convértense ata o 25 de novembro nun arquivo sonoro para rescatar a arquitectura galega desaparecida ou transformada, lonxe dos grandes relatos arquitectónicos presentes na contorna. Isto é posible grazas á intervención AAMA (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica) de Francisco Ramallo (Granada, 1974), inaugurada como clausura do Encontro de Artistas Novos 2018. Esta residencia artística, xa consolidada na programación da Cidade da Cultura, reuniu durante cinco días a 40 creadores emerxentes, procedentes de toda España. Precisamente, o AAMA -proxecto entre o metafórico e o documental de Francisco Ramallo- foi a iniciativa gañadora do Encontro de Artistas Novos 2017 da V Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk.