A World Trails Conference, que reunirá este mes en Galicia ás mellores rutas culturais e de peregrinación de todo o mundo, conta xa con preto de 200 inscritos de 37 nacionalidades distintas

Tamén se contará coa participación das rutas culturais de longa distancia que están presentes en Taiwan, así como con xestores de itinerarios e sendeiros de Grecia ou Irlanda e de Sudáfrica, con representantes do Rim of Africa Trail, o sendeiro de montaña máis longo dese país. Xunto a eles, haberá representación de Sudamérica, con rutas de Costa Rica ou Panamá; ou Xordania, coa Jordan Trail. Tamén participarán relatores de Canadá, Rusia, Turquía ou Estados Unidos e o traballo levado a cabo na ruta xacobea en Galicia centrará, ademais, varios relatorios deste congreso internacional.
Xornada aberta ao público o sábado 29
As sesións profesionais que se celebrarán durante o congreso afondarán na vinculación destes itinerarios e a protección da natureza, nos beneficios económicos das rutas para as economías rurais, na preservación do patrimonio cultural e nos valores espirituais, así como na importancia do crecemento sustentable en cada unha destas rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación do mundo. Reservarase, ademais, o sábado 29 como xornada de portas abertas para o público xeral, con entrada libre ata completar aforamento.
A sesión do sábado incluirá a conferencia maxistral de Manuel Butler, director executivo da Organización Mundial do Turismo (OMT), así como as presentacións ao público da xestión realizada en itinerarios como a Ruta dos Fiordos occidentais, en Islandia; a Ruta do Gran Himalaya, no Nepal, ou os Sendeiros dos Apalaches, en Estados Unidos, entre outras. Haberá, ademais, un festival cine dos itinerarios do mundo.
A World Trails Conference permitirá así afondar na contribución cultural e económica que estes itinerarios conseguen nos distintos destinos turísticos, áreas protexidas e espazos rurais que atravesan. As sesións de traballo dos días 26, 27 e 28 celebrarase no Centro Abanca Obra Social de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 17). A xornada de portas abertas do sábado 29 será no Auditorio Abanca (Rúa do Preguntoiro, 23) . As persoas interesadas en inscribirse poden facelo na páxina web especialmente habilitada: santiagoworldtrails2018.com.
R.