Skip to main content

Noticias

  • O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) fixo público hoxe o cartel de espectáculos, mesas redondas e actividades formativas da súa undécima edición, que ofrecerá do 4 ao 14 de outubro unha quincena de montaxes de cinco países, así como o IV Encontro Mulleres Creando e o curso O xogo, motor da creación. A organización do festival mantén un forte compromiso co teatro feito en Galicia, coas actuacións da compañía de circo IO, de A Panadaría en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), de Trécola e de Matarile Teatro, que estrea no FITO Os limóns, a neve e todo o demais.
  • Máis de 250 persoas de 41 nacionalidades diferentes reúnense desde hoxe e ata o sábado en Santiago de Compostela para participar na World Trails Conference, o congreso internacional no que se reúnen as mellores rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo. O congreso permitirá coñecer as experiencias de, entre outros, o Camiño Kumano Kodo -Patrimonio Mundial e irmandado co Camiño de Santiago desde hai 20 anos- e tamén o Camiño Shikoku Henro, co que tamén Galicia mantén férreas alianzas de colaboración.
  • Máis de 634.000 turistas aloxáronse o pasado mes de agosto nos establecementos hoteleiros de Galicia, onde realizaron preto de 1,5 millóns de noites. Son viaxeiros que atoparon motivos para permanecer máis tempo na nosa Comunidade, pois a estadía media experimentou unha mellora do 3%, acadando así o dato máis elevado en oito anos e favorecendo a evolución de diversas variables cualitativas. En concreto, o sector hoteleiro galego viu melloradas un 3,7% as súas tarifas no oitavo mes do ano de acordo cos datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este feito, unido a diversos aspectos, permitiu que os empresarios optimizaran a súa rendibilidade medida a través do RevPAR, ingreso medio por habitación dispoñible.
  • Galicia continúa a ser un destino en alza para o turista xaponés, que aprecia de xeito especial a nosa riqueza cultural e monumental, a gastronomía, a natureza e o Camiño de Santiago. Neste ámbito, Galicia presentaralles aos operadores turísticos as posibilidades que ofrece a Comunidade para a organización de viaxes turísticas. Ademais, o público final poderá obter directamente información sobre a oferta turística da comunidade galega. JATA é unha feira xeral de turismo organizada pola Japan Association on Travel Agents. É un dos certames de maior tradición dentro do mercado nipón. Turismo de Galicia, dentro da súa estratexia de internacionalización, estará presente por oitavo ano consecutivo.
  • O verán na Comunidade galega foi unha estación cálida e húmida, á vista dos rexistros de temperatura e precipitacións que esta mañá a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, e o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, presentaron en rolda de prensa. A diferencia da temperatura media para a serie rexional situouse nun +0.71ºC, xunto coa anomalía media das precipitacións dun 32% superior ao valor normal, fan que poida considerarse como un verán cálido e húmido.
  • Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, presentou en Pontevedra o programa da súa décimo cuarta edición, que modifica e amplía as súas datas de celebración, ademais de se abrir a máis estilos musicais na procura de novos públicos. O programa desta nova etapa desenvolverase do 11 ao 14 de outubro en varios espazos de Pontevedra e combinará os concertos con diferentes actividades culturais para todos os públicos. O novo Cantos na Maré cambia as súas datas de celebración de xaneiro a outubro, ampliando a catro os días de programación, así como os espazos que acollerán as súas actividades
  • O Programa Benestar en Balnearios facilita que preto de 1000 persoas maiores gocen dunha estadía de seis días e cinco noites en tres establecementos talasos situados na comunidade durante o último trimestre do ano grazas ao Programa de benestar a través da talasoterapia. Deste xeito, e a partir do 7 de outubro, os participantes acudirán ao Hotel Talaxo Louxo (Illa de Arousa, Pontevedra), ao Talaso Atlántico (Oia, Pontevedra) e ao Thalasso Cantábrico (Viveiro, Lugo).
  • Un grupo de xornalistas asiáticos e outro de xornalistas finlandeses están a visitar esta semana a Comunidade galega para coñecer parte dos recursos asociados ao Camiño de Santiago e promover así a ruta xacobea en países como Singapur, Indonesia, Malasia, Filipinas ou Finlandia. Convidados por Turismo de Galicia, os profesionais finlandeses coñecerán diferentes lugares emblemáticos do Camiño Portugués da Costa, neste ano no que o Goberno galego dedica gran parte dos seus investimentos e esforzos de promoción a este itinerario xunto ao Camiño Portugués.
  • A Comunidade galega vén de intensificar os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no II Foro de Turismo España-China (FOTEC), o evento de turismo máis importante entre ambos países que se celebrou esta semana en Shanghai con máis de corenta empresas e institucións españolas. A participación de Galicia neste encontro incluíu numerosas reunións bilaterais con varias das mellores empresas chinesas do sector. Os encontros permitiron incrementar a visibilidade de Galicia ante turoperadores e viaxeiros deste país.
  • A Ruta dos Mosteiros permite coñecer exemplos sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia combinándoo co desfrute dos recursos termais galegos. Xunto ao Mosteiro de Carboeiro, o itinerario complétase cunha visita ao pazo de Oca, no concello da Estrada; ao mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou ao templo da Veracruz do Carballiño. Os viaxeiros rematan a xornada no balneario de Caldas de Partovia. A vindeira saída será o 14 de outubro, para a que tamén están xa esgotados todos os billetes. A edición deste ano continua ata outubro con melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa seis edicións.