Skip to main content

Xornalistas asiáticos e finlandeses visitan esta semana enclaves do Camiño de Santiago para promovelo nos seus países

Estes xornalistas, todos eles da revista especializada en viaxes Mondo, coñecerán tamén algúns recursos patrimoniais e enogastronómicos asociados a este itinerario.

O seu percorrido inclúe unha visita á Denominación de Orixe Rías Baixas así como a un dos albergues da Rede Pública de Albergues do Xacobeo para coñecer o modelo de xestión da Xunta na acollida aos peregrinos. Xunto ao Camiño Portugués da Costa, tamén coñecerán enclaves do Camiño de Fisterra e Muxía con visitas a recursos como o Santuario de Nosa Señora da Barca, que forma parte dun dos dez produtos cabeceira de marca Galicia, Santuarios Máxicos.

Este itinerario xacobeo tamén formará parte da viaxe do grupo de xornalistas asiáticos que coñecerán ademais varios lugares emblemáticos do Camiño Francés, incluíndo o percorrido a pé por algunha das súas etapas e a visita a un dos albergues da Rede Pública do Xacobeo nesta ruta. Tanto estes xornalistas como os finlandeses visitarán tamén a cidade de Santiago de Compostela, meta do Camiño de Santiago.

Cada vez máis internacional

Ambas viaxes están enmarcadas no traballo de Turismo de Galicia por promover a Comunidade entre os diferentes mercados internacionais, cumprindo así os obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020 que aspira a internacionalizar o destino. O Camiño de Santiago está a demostrar ser clave neste eido xa que máis da metade dos peregrinos que chegan a Galicia son estranxeiros e, no que levamos de ano, chegaron xa de preto de 170 países diferentes. A viaxe promovida por Turismo de Galicia está organizada en colaboración coas oficinas españolas de turismo en Australia e Helsinki.
R.