Skip to main content

Preto de 300 participantes recrean a autencididade dos entroidos galegos cun desfile polo casco vello de Santiago de Compostela

Esta iniciativa promocional, impulsada polo Goberno autonómico, contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, que acudiron ao inicio do Desfile dos Entroidos na praza do Obradoiro. Desde alí partiron os representantes de ata 11 entroidos diferentes das catro provincias, cos seus xenuínos personaxes, ante centenares de galegos e visitantes.

Galicia conta con nove entroidos recoñecidos como festa de interese turístico. Dous deles, Xinzo de Limia, cos pantallas, e Verín, cos cigarróns, acadaron xa a declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia. Trátase de Viana do Bolo, cos boteiros e folións; Cobres, coas madamas e galáns; Laza, cos peliqueiros; Manzaneda, coas mázcaras; os Xenerais da Ulla (que abarca nove concellos da contorna da capital galega: A Estrada, Boqueixón, Padrón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces); Maceda, cos felos, e Vilariño de Conso, cos boteiros.

A práctica totalidade participaron neste pasarrúas, ao que tamén acudiron catro carnavais convidados especiais nesta ocasión: o Entroido Ribeirao de Chantada, cos volantes; as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vellaróns de Riós e os Vergalleiros de Sarreaus.

Turismo desestacionalizado

A Xunta vén organizando nos últimos anos esta promoción, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor unhas das riquezas do patrimonio etnográfico da Comunidade e amosar aos milleiros de turistas a variedade desta xenuína tradición, animándoos a coñecela no inverno. No marco da Estratexia do turismo 2020, estanse a impulsar aqueles valores que mellor identifican a Galicia, entre os que se atopan os entroidos pola súa autenticidade. Así mesmo, trabállase para recibir viaxeiros durante todo o ano, facendo que a temporada media e baixa sexa cada vez máis importante, afondando así nunha actividade máis desestacionalizada.
R.