Skip to main content

O turismo consolídase en Galicia con melloras nas tarifas e na estadía media despois dun lustro de intensos crecementos

Isto supón unha boa noticia e un estímulo para seguir traballando nunha oferta diversificada que, como propón a Estratexia do turismo de Galicia 2020, aproveite os mellores recursos en calquera época do ano.

Nun contexto de moderación a nivel nacional, a Comunidade rexistrou nos sete primeiros meses 2,2 millóns de viaxeiros que realizaron 4,3 millóns de noites. Deles, case 500.000 turistas pasaron polos hoteis galegos en xullo, cando sumaron máis de 1,1 millóns de noites.

Os viaxeiros deciden permanecer máis tempo durante a súa viaxe, cunha suba da estadía media, acompañada dun incremento das tarifas hoteleiras. A demanda turística é inferior á de 2017, cando Galicia superou todos os seus récords, pero continúa a estar por riba de todos os anos anteriores, afianzando así o traballo desenvolvido no último lustro e coa vista posta na celebración do vindeiro Xacobeo 2021, que suporá un reforzo neste sentido.

Entre os aspectos máis salientables atópase tamén o feito de que os galegos se animen cada vez máis a facer turismo dentro da súa propia Comunidade. Isto permite ao turismo interno rozar os 1,2 millóns de noites en sete meses, a cifra máis elevada da década.

Nese contexto de mellora, o sector hoteleiro de Galicia tivo uns ingresos de 145 millóns de euros entre xaneiro e xullo, contribuíndo ao emprego e ao desenvolvemento económico.

Dentro da colaboración estable da Xunta, nos vindeiros días comezarán a promoverse os diferentes produtos da tempada de outono como parte dos obxectivos de desestacionalizar a demanda turística, poñendo en valor os recursos máis destacados de cada época do ano.
R.