Skip to main content

Personaxes de 13 entroidos galegos desfilarán o vindeiro 8 de setembro polas rúas do casco vello de Santiago de Compostela

Todos participarán nun pasarrúas, que comezará e rematará na praza do Obradoiro, e ao que se sumarán catro carnavais invitados: Entroido Ribeirao de Chantada, Bonitas de Sande (Cartelle), Vellaróns de Riós e Vergalleiros de Sarreaus.

“Trátase dunha oportunidade única para coñecer os diferentes entroidos galegos, que unha vez ao ano se reúnen para amosar os seus personaxes máis característicos”, subliñou Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, sobre a iniciativa promocional da Xunta. Como sinalou, o obxectivo é dar a coñecer e poñer en valor unhas das riquezas do patrimonio etnográfico da Comunidade e amosar aos milleiros de turistas a variedade desta xenuína tradición, animándoos a coñecela no inverno.

Para os galegos será tamén unha ocasión inmellorable de ver xuntos a personaxes como os pantallas de Xinzo, os cigarróns de Verín, os boteiros e folións de Viana, os peliqueiros de Laza, as madamas e galáns de Cobres (Vilaboa), as mázcaras de Manzaneda, os xenerais e os correos da Ulla (A Estrada, Boqueixón, Padrón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces), os felos de Maceda, os boteiros de Vilariño, os volantes de Chantada, as bonitas de Sande, os vellaróns de Riós e os vergalleiros de Sarreaus.

Como lembrou, a Estratexia do turismo 2020 impulsa os valores que mellor identifican a Galicia e o entroido atópase entre eles pola súa autenticidade. Así mesmo, traballa para recibir viaxeiros todo o ano, facendo que a temporada media e baixa sexa cada vez máis importante: “Hai moitas razóns para visitar Galicia en verán, pero somos un destino con numerosos recursos, festas e produtos para gozar tamén en outono, inverno e primavera”.

Folleto e percorrido

Para a ocasión editouse un folleto que recolle os detalles dos diferentes entroidos así como dos personaxes que participarán no desfile. Todos estarán no Obradoiro a partir do mediodía e ás 12,30 horas encherán de cor e son as rúas de Fonseca, Vilar, praza do Toural, Cantón do Toural, rúa Nova, rúa de Xelmírez, Cinco Rúas, rúa do Preguntoiro, praza de Cervantes, rúa da Acibechería, praza da Inmaculada, Arco de Xelmírez (no caso das persoas a pé) ou rúa das Dúas Portas-Rúa de San Francisco (no caso dos Xenerais da Ulla) e Obradoiro.
R.