Skip to main content

Noticias

  • Organízanse un inverno máis un total de nove rutas guiadas ao Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia. Baixo o lema Descubrindo o Parque Nacional, este programa de visitas, de carácter gratuíto e dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer o patrimonio natural e ambiental do arquipélago fóra da tempada estival. Así, desde hoxe mesmo os interesados poden solicitar a reserva de praza a través da web reservasparquesnacionales ou facelo de forma presencial nas oficinas do parque nacional en Vigo (rúa Oliva, nº 3) ou no centro de visitantes (rúa Palma, nº 4).
  • O Salon des Vacances de Bruxelas celebra este ano a súa 61 edición como un dos certames turísticos máis importantes do centro de Europa e conta, como en anos anteriores, coa presenza da oferta turística galega. Así, ata o vindeiro domingo, o recinto feiral Brussels Expo acolle, na capital belga, o expositor de Turespaña onde o departamento de turismo da Xunta promove os recursos e atractivos da Comunidade con dous módulos dentro do recinto español. Esta acción forma parte da estratexia de promoción exterior desenvolvida a través de Turismo de Galicia para fomentar a captación e fidelización dos distintos viaxeiros internacionais.
  • O Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, ‘Escenas do cambio’, levanta mañá o pano no Gaiás para dar a coñecer durante dez días as propostas máis innovadoras e arriscadas das creacións da vangarda internacional —Vera Mantero, Ligia Lewis, Tino Sehgal, María Salgado & Fran MM Cabeza de Vaca, François Chaignaud, Marco Berrettini e MOTUS—; da española —Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel— e como non, da galega.
  • FEST Galicia compite na candidatura de mellor activación de marca xunto a outros nove finalistas nesa mesma categoría, entre os que se atopan as campañas desenvolvidas por importantes firmas comerciais, algunhas delas mesmo en eventos galegos, como son Super Bock no SonRías Baixas e Estrella Galicia no Festival Sinsal. No caso de FEST Galicia, a valoración realizouse sobre o traballo global levado a cabo durante o pasado verán nos seus 10 festivais galegos adheridos, a través de accións relacionadas coa sostibilidade ambiental, a igualdade, a promoción da lingua e a difusión de programas destinados á mocidade. Os Iberian Festival Awards premian o labor dos festivais que se organizan en España e Portugal, seleccionando 10 entidades en cada categoría.
  • O turismo rural acadou un máximo histórico ao longo de 2018 ao rexistrar un total de 217.735 viaxeiros aloxados, o que supón un 0,6% máis que no ano anterior e un crecemento do 68% durante o último lustro. Os datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) permiten constatar a notable evolución que esta tipoloxía turística está a experimentar desde 2013, dado que hai só cinco anos a cifra total de viaxeiros nas casas de turismo rural era de 129.179. Malia que este sector amosou en 2017 un comportamento moi por riba do esperado, en 2018 foi quen de superar o seu resultado no total de viaxeiros.
  • Coa participación de empresas e institucións procedentes de quince países de catro continentes, a terceira edición de Fairway será a máis internacional das celebradas ata agora deixando patente o interese que a peregrinación xacobea esperta fóra das nosas fronteiras. Así o salientaron os organizadores deste foro do Camiño na presentación do evento, que terá lugar entre o 10 e o 12 de febreiro no compostelán Palacio de Congresos e Exposicións. A feira, que medrará un 20% con respecto á pasada edición, será máis que nunca o punto de encontro de todas aquelas persoas e institucións vencelladas ao Camiño de Santiago.
  • Galicia volveu cumprir obxectivos durante a súa participación na Feira Internacional de Turismo Fitur que remata hoxe en Madrid despois de cinco días de intensa actividade, tanto profesional como aberta ao público en xeral. O expositor galego foi visitado por máis de 76.000 persoas e conseguiu consolidar o atractivo da sólida oferta turística galega grazas a unha proposta que se reforza en 2019 con novidosas experiencia ao redor do patrimonio, da historia e da natureza. O expositor de Galicia acolleu máis de 40 presentacións das catro provincias, dando resposta ás entidades que así o solicitaron.
  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aspirou hoxe a celebrar o mellor Xacobeo na mellor Galicia da nosa historia e recordou que non é só un proxecto de Galicia, senón de toda España: “Estamos a falar dun dos acontecementos turísticos e culturais máis relevantes que vivirá o conxunto do país nos vindeiros anos”, aseverou, invitando a todas as comunidades e ao Goberno central a cooperar neste gran proxecto. Durante a presentación de Turismo de Galicia en Fitur, Feijóo asegurou que o Xacobeo 2021 será un punto de inflexión na historia turística da Comunidade, como o foi o primeiro gran Xacobeo celebrado en 1993, e, con ese obxectivo, dixo, “Galicia xa empezou a preparalo e a celebralo”.
  • O novo itinerario que botará a andar por vez primeira nesta edición achegará aos viaxeiros á realidade viva da peregrinación xacobea. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) achegarase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de Samos (Camiño Francés). Percorrerá así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia e reforzará á Ruta dos Mosteiros, iniciada a temporada pasada, ao incluír neste novo itinerario dous importantes exemplos do extenso e rico patrimonio monacal galego, ambos estreitamente vinculados aos camiños xacobeos de peregrinación.
  • Galicia terá un Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia co obxectivo de mellorar o posicionamento dos nosos caldos e das comarcas que representan. Este plan, denominado 'Paseando entre viñedos: Enoturismo en Galicia. Senda estratéxica das comarcas vitivinícolas galegas', contará coa participación de todos os axentes clave do territorio e que pretende mellorar a coordinación público-privada para fomentar o desenvolvemento territorial a partir do sector vitivinícola. O primeiro paso será un estudo e posterior diagnóstico socioeconómico dos territorios implicados.