Skip to main content

Fairway, o III Fórum do Camiño de Santiago, presenta a súa edición máis internacional

O acto de presentación de Fairway III Fórum Camiño de Santiago, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos, contou coa presenza de Martiño Noriega, alcalde de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Charo Calvo, responsable de comunicación da Zona 1 en Correos (patrocinador do evento desde elcaminoconcorreos.com); e os tres codirectores de Fairway: Ana García (Trevisani), Manuel Oreiro (Viajes Viloria) e Tono Mugico (Mr. Turismo).

Feira internacional

A xuízo dos organizadores, Fairway será máis que nunca o punto de encontro de todas aquelas persoas e institucións vencelladas ao Camiño de Santiago. A feira, tal e como subliñou Ana García, “medrará un 20% con respecto á pasada edición”. Os expositores, desvelou, serán máis dun cento. “Queremos destacar que entre eles contaremos con máis de cincuenta concellos galegos e seis comunidades autónomas”, engadiu.

No ámbito internacional, a directora de Trevisani incidiu tamén “na moi importante aposta de Portugal, con trece cámaras municipais presentes” e a participación de rutas de peregrinación estranxeiras como a xaponesa de Kumano Kodo (a través da prefectura de Wakayama, irmandada con Galicia) ou a italiana de San Francisco de Asís.

Empresas de Sudáfrica e Australia

Manuel Oreiro, pola súa banda, manifestou que Fairway continúa apostando polo workshop como formato de éxito para facilitar os encontros de traballo entre Hosted Buyers e todos aqueles profesionais, empresas e organismos públicos vinculado a calquera dos Camiños de Santiago interesados en darlles a coñecer os seus produtos, destinos e servizos.

Os Hosted Buyers, explicou Manuel Oreiro, “son operadores turísticos, axencias de viaxes emisoras, centrais de reservas e axencias online convidados pola organización para participar no workshop. Trátase de empresas que veñen a Fairway a coñecer outras empresas e recursos e crean vínculos profesionais e oportunidades de negocio”.

En total, citaranse en Fairway 35 Hosted Buyers. “Haberá por primeira vez empresas de Sudáfrica, Australia, Francia, Bélxica e México; que se suman a empresas de Reino Unido, Canadá, Brasil, Italia ou Portugal, países que repiten”, sinalou Oreiro.

Os seus interlocutores serán máis de 120 organismos, tanto públicos como privados: establecementos dedicados á hostalería; axencias de viaxes; servizos de guías e excursións, transporte de persoas e mochilas e aluguer de bicicletas; adegas; desenvolvedores de aplicacións móbiles; organismos públicos e destinos representados por gobernos autonómicos, mancomunidades, xeodestinos e concellos.

“Están previstas máis de 1.400 reunións de traballo nos dous días de workshop, iso supón un crecemento dun 35% con respecto á segunda edición”, concluíu.

Viaxes de familiarización

Moitos dos operadores turísticos inscritos no workshop tamén participarán en tres viaxes de familiarización para a prensa que organizou Fairway co obxectivo de visibilizar rutas menos concorridas. Nesta ocasión, contou Manuel Oreiro, promocionaranse o Camiño Portugués pola Costa, o Camiño do Norte e o Camiño Fisterra-Muxía.

“Estas viaxes de prensa tamén gañan moitísimo peso con respecto a pasadas edicións. Participará o que quizais é o medio de turismo máis importante de África, ‘Traveller 24’, de Sudáfrica, e medios de Brasil, como Super Radio. Tamén virán xornalistas de ‘National Geographic’ España, ‘Marie Claire’, a revista ‘Viajar’ ou ‘La Razón’”, manifestou o director de Viloria.

Fairway Invest

O marco de negocios verase reforzado nesta edición por un foro de investimento que, segundo sinalou Tono Mugico, apontoará a última xornada de Fairway. Desenvolta en colaboración con Keiretsu Forum, a maior rede de investidores privada do mundo, “comprende un programa de formación con títulos tan suxestivos como ‘Canto vale unha empresa se factura pouco… ou nada? e mesas de financiamento con entidades como Enisa ou Xesgalicia”.

O director de Mr. Turismo subliñou a aposta polo emprendemento deste primeiro Fairway Invest cun concurso de ideas ao que se presentaron case unha vintena de proxectos “vinculados directamente ao Camiño ou cunha relación máis tanxencial pero que levan a cabo empresas situadas nalgún dos puntos polos que discorre”. Desvelou que a súa actividade abarca desde a explotación de patinetes eléctricos nas rutas de peregrinaxe ata o coidado de persoas ou a reciclaxe de roupa. O gañador deste concurso, que levará cinco mil euros, anunciarase en Fairway o martes 12 de febreiro.

Conferencias, mesas de debate e programa de formación

En canto ao congreso, Tono Mugico sinalou que constará de conferencias e mesas de debate. Incidiu na “relevancia dos relatores” e explicou que as temáticas responden as preocupacións recollidas nas anteriores edicións de Fairway.

Así mesmo, manifestou que o programa de Fairway complétase nesta edición cun ciclo formativo – Fairway Academy- que se desenvolverá na xornada do luns 11 e que estará constituído por talleres de carácter práctico, seguidos de conferencias. “Os relatores son referentes a nivel estatal nas disciplinas que tratarán: márketing dixital e reputación online”, afirmou.

Actividades para todos os públicos

Por último, Tono Mugico fixo “un chamamento á participación tanto de veciños como de visitantes” nas actividades previstas na xornada de portas abertas coa que se abrirá Fairway III Fórum Camiño de Santiago o domingo 10 de febreiro. Destacou a ruta de sendeirismo I Camiño –“que nos achega a algúns dos puntos máis interesantes e menos coñecidos da cidade”_ e a proposta Gastroway, un bufet cunha selección de receitas das rutas xacobeas.

Tamén os acompañará a asociación Apaca, impulsora da credencial canina, cun espazo de adopción e consellos para facer o Camiño con cans e haberá ademais sesións de escape room, talleres de mindfulness ou ludoteca…

Coa excepción de Gastroway, as actividades son gratuítas ata completar aforamento.
R.