Skip to main content

Noticias

  • A Cidade da Cultura de Santiago programa para este 'Verán no Gaiás' un cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, acampadas, arte, obradoiros de artesanía, astronomía ou circo. A programación de estío da Cidade da Cultura para este ano ten como novidade a celebración de dous campamentos urbanos para a cativada ao redor das exposicións actuais do Museo Gaiás -Valor e mestría e Pensar coas mans- á vez que abre as portas a accións encadradas na programación do Xacobeo 2021. Deste xeito, a residencia de creadores emerxentes Encontro de Artistas Novos e as intervencións artísticas Reb/veladas na paisaxe terán pegada e perspectiva xacobea nas súas respectivas edicións.
  • A nova edición do ciclo musical Música no Camiño levará á praza de Praterías de Santiago de Compostela 20 actuacións musicais ata o mes de agosto, a cargo de diferentes bandas populares galegas para difundir a cultura xacobea e reforzar o papel da cidade como meta do Camiño de Santiago. Como en cada edición, Música no Camiño desenvólvese con concertos gratuítos abertos ao público en xeral, especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan á etapa final do Camiño de Santiago. Os repertorios incluirán obras populares galegas, música contemporánea para banda e adaptacións de música moderna.
  • Esta fin de semana terán lugar as Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños da Ribeira Sacra, dentro da oitava edición deste programa de enoturismo que se desenvolve nas cinco denominación de orixe galegas. Entre os días 14 e 16 de xuño abren as súas portas 11 adegas da Ribeira Sacra, oito delas na provincia de Lugo e tres na de Ourense, que ofrecen visitas guiadas e gratuítas e a posibilidade de degustar algúns dos mellores viños da denominación. Adhírense a estas xornadas algúns restaurantes nos que se pode escoller entre dous menús concibidos especialmente para a ocasión, maridados con viños da denominación de orixe.
  • As obras formarán parte de 'Galicia, un relato no mundo', a primeira gran mostra internacional da programación do Xacobeo 21, que se inaugurará o próximo novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. O Liber Sancti Iacobi do Vaticano é, xunto ao orixinal de Santiago, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, o que permite observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelano, como é o propio rostro do emperador Carlomagno. Na Idade Media, realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente.
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro do Medio Rural, José González, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presidiron a constitución do novo Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para este ano 2019. Este órgano estará operativo desde o 1 de xullo ata o vindeiro 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais. Este comité ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de sumar sinerxías e minimizar os danos ocasionados por esta lacra que afecta ao noso patrimonio forestal.
  • O mes de maio caracterizouse en Galicia por ser moi seco e estivo marcado por episodios con temperaturas máximas moi elevadas, polo que en xeral pode considerarse no conxunto da comunidade como un mes cálido. Estas son as principais conclusións do avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, no que se comparan os rexistros de temperatura e chuvia do mes pasado cos do período histórico de referencia 1961-2019. Deste xeito, a principal singularidade meteorolóxica de maio foi a escaseza de chuvias que se rexistraron con carácter xeral na comunidade.
  • Presentáronse na Casa Habanera de Guitiriz as XII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño nas comarcas de A Mariña e a Terra Chá. No marco desta iniciativa, impulsada pola Asociación de Amigos do Camiño do Norte Abrindo Camiño e na que colaboran a Deputación de Lugo e os concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Foz, Barreiros e Guitiriz, realizaranse catro andainas no mes de xuño para impulsar o Camiño do Norte ao seu paso pola provincia de Lugo. As tres primeiras rutas serán os días 16, 23 e 29 de xuño e discorrerán pola variante marítima do Camiño do Norte, polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Lourenzá e Mondoñedo. A cuarta andaina será o 30 de xuño polo Camiño do Norte ao seu paso polas localidades de Baamonde, en Begonte, e Parga, en Guitiriz.
  • A demanda turística medrou en Galicia por riba da media española nos catro primeiros meses ao crecer un 5%, mentres que no resto de España a evolución non chegou ao 1%. Neste tempo chegaron á Comunidade galega máis de 1 millón de viaxeiros que realizaron máis de 2 millóns de noites nos establecementos de aloxamento regrado, o que se traduce na xeración de algo máis de 31.000 viaxeiros que hai un ano e preto de 94.000 noites máis que nas mesmas datas de 2018. Medra tanto o turismo nacional como o estranxeiro, destacando de xeito especial este último que logra superar nun 11% a cifra de viaxeiros aloxados e case nun 13% o volume de noites.
  • A Comunidade galega liderou o pasado mes de abril o crecemento do turismo en España. Cun incremento do número de viaxeiros dun 19,5% converteuse na segunda comunidade autónoma, só por detrás de Baleares, co mellor comportamento durante o mes no que se celebrou a Semana Santa. Así se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que tamén revelan que o turismo en Galicia medrou por riba da media española, onde o crecemento foi do 7,6%. En total, os establecementos hoteleiros galegos recibiron en abril máis de 360.000 viaxeiros que realizaron máis de 686.000 noites. O bo comportamento turístico repetiuse nas catro provincias galegas, que rexistraron notables avances na súa demanda turística.
  • Os museos galegos ofrecen durante toda esta semana un amplo programa de actividades para todos os públicos para celebrar, o 18 de maio, o Día Internacional dos Museos baixo o lema Os museos como eixes culturais: o futuro da tradicións. O obxectivo marcado nesta edición polo Consello Internacional de Museos é subliñar os novos papeis que desempeñan os museos como axentes activos nas súas comunidades. Con este fin, os museos de xestión autonómica teñen programadas actividades como xornadas de portas abertas, visitas guiadas, concertos, obradoiros, espectáculos de monicreques ou romarías. Moitos dos museos empezan xa a celebración da efeméride nas xornadas previas ao 18 de maio.