Skip to main content

Noticias

  • O programa O teu Xacobeo impulsa este verán travesías náuticas xacobeas para completar desde as rías as etapas terrestres do Camiño de Santiago e para dar a coñecer o traxecto da entrada da barca de pedra do Apóstolo desde a bocana da ría de Arousa. As saídas en veleiros poden realizarse desde Vigo, Portonovo, Baiona, Ribeira e a Pobra do Caramiñal, portos que forman parte da chamada Travesía Náutica Xacobea Sur. Os percorridos que saen desde os portos das rías de Vigo e Pontevedra pretenden complementar as etapas a pé do Camiño de Santiago e están concibidas, ademais, co obxectivo de difundir a cultura galega, a gastronomía e a historia de Galicia a través da Ruta Xacobea.
  • O número de hoteis galegos medrou máis dun 8% na última década, pasando dos 839 establecementos rexistrados no 2009 aos máis de 900 que existen na actualidade. Así se reflicte no informe Dinamismo do sector hoteleiro en Galicia 2009-2019 que se presentou hoxe. Del se desprende que os hoteis concentran o 69% da demanda turística da Comunidade, é dicir, que de cada dez pernoitas que realizan os turistas, sete teñen lugar en hoteis. Ao longo deste tempo, o número de turistas aloxados en establecementos hoteleiros aumentou un 23%, pasando de 3,4 en 2009 a case 4,2 en 2018. Ademais, a cifra de pernoitas que realizaron estivo preto dos 8,5 millóns, o que supón unha suba do 13,7%.
  • O Gaiás celebra este sábado, 24 de agosto, unha nova edición do festival Cidade Imaxinaria, convidando as familias a gozar dunha tarde lúdica ao aire libre, con entrada de balde, que transformará o complexo nun sorprendente mundo de fantasía, grazas a espectáculos e teatros circenses con música, xogos e obradoiros para todas as idades, incluído un espazo para bebés. Visitar o incrible circo de bechos xigantes do Dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis.
  • A sétima edición do ciclo Cultura no Camiño acolle ata finais de setembro 284 actuacións escénicas e musicais en 76 dos concellos polos que discorren as 10 rutas xacobeas en Galicia. O programa mantén como principal obxectivo a dinamización e descentralización da oferta cultural galega, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional. A sétima edición, que arrancou en maio e se prolongará ata finais de setembro, intensifica a súa actividade durante o período vacacional, coincidindo cunha maior afluencia de peregrinos e contribuíndo tamén a enriquecer o programa turístico das localidades nas que se celebra.
  • Camiño Escena Norte xurde por iniciativa das asociacións profesionais de empresas de produción escénica das devanditas comunidades, que aglutinan un centenar de compañías de teatro, monicreques, danza e novo circo: Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).
  • A 33ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia consolidou a cita musical como referente no panorama estatal do verán. Máis de 100.000 persoas asistiron a un festival que segue a crecer en popularidade e que se sitúa como un dos piares fundamentais do patrimonio cultural da cidade. Ao longo de seis xornadas, o festival, organizado polo Concello da Coruña, programou máis de 150 de horas de música ao vivo nun total de 13 espazos da cidade, achegando así a todos os públicos as propostas musicais de máis de 75 bandas e artistas, das que un 50% son galegas e máis dun 45% contan con presenza feminina.
  • Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán e de balde da Cidade da Cultura, di esta semana deica logo ata o ano que vén con tres concertos este xoves, venres e sábado de Marinah, De Vacas e Best Boy, respectivamente. Unhas actuacións —de balde e ás 21 horas— que resumen o espírito da edición de 2019, na que se apostou por darlle visibilidade ás voces femininas; ofrecer unha cocteleira de estilos variados; e servir de escaparate das tendencias musicais actuais, nacionais e galegas, como é o caso dos dous grupos cos que se pecha. Atardecer no Gaiás 2019 comeza a despedirse estes xoves, día 15, coa que foi compositora e cantante durante 13 anos do mítico grupo catalán Ojos de Brujo, Marina Abad.
  • Galicia acolle este verán máis de cen actividades dentro da programación de O teu Xacobeo, a convocatoria que propiciará a posta en marcha de 352 iniciativas de dinamización en toda Galicia como antesala do próximo Ano Santo. O programa busca favorecer a participación e a descentralización do vindeiro Xacobeo 21. Trátase da primeira vez que o Goberno galego pon en marcha un proxecto co Xacobeo como referente feito coa implicación de toda sociedade galega. Así, dos máis de 350 proxectos aprobados propostos por concellos, empresas privadas e entidades sen ánimo de lucro, máis dun centenar espallaranse ata o remate de verán pola xeografía galega.
  • A Ribeira Sacra deu un paso firme na súa aspiración de converterse a medio prazo na sétima reserva da biosfera de Galicia. O Concello de Pantón acolleu a presentación oficial da candidatura coa que os 23 concellos de Lugo e Ourense que abranguen o espazo conformado pola Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e Courel aspiran a conseguir este recoñecemento de carácter internacional xestionado e concedido pola Unesco. Trátase dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte do Consello da Xunta. Galicia xa conta con seis reservas da biosfera que representan arredor do 25% do territorio da comunidade.
  • Galicia liderou durante o primeiro semestre do ano o crecemento turístico en España, un período no que superou por vez primeira a barreira dos dous millóns de viaxeiros. Segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), a nosa foi a Comunidade na que máis medrou a demanda turística, cun alza do 7,7% fronte ao 1,2% do resto de España, reflectindo que Galicia é un destino turístico atractivo para os viaxeiros tamén en tempada media e baixa. Os datos sinalan un incremento que se estende a todo tipo de viaxeiros, ao rexistrarse unha suba de preto do 5% no turismo interno (o que realizan os propios galegos dentro da súa Comunidade) e dun 6% no turismo nacional.