Noticias
-
A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Hoxe tivo lugar a sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.
-
Ponse en marcha o chamado Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia, un documento que, tras un extenso traballo de campo, permitiu identificar na nosa Comunidade máis de 2.000 recursos enogastronómicos. É unha das medidas que inclúe a estratexia Galicia Sabe para potenciar a nosa Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel. Este proxecto –que será compartido co sector para o seu uso profesional– permitirá detectar e priorizar destinos cun alto valor enogastronómico, poñer en marcha novos produtos turísticos a medio e longo prazo e coñecer mellor os recursos da Comunidade co fin de optimizar o traballo neste sector.
-
A programación do Nadal begontino inclúe a exposición Imaxes e Palabras, que recolle anacos de poemas de 40 autores que corresponden a traballos premiados nalgún dos 43 certames de Poesía sobre o Nadal convocados polo Centro Cultural José Domínguez Guizán. Entre os poetas figuran Xosé Otero Canto, Marica Campo, Carlos López e Martiño Maseda, presentes hoxe na inauguración. As fotografías amosan distintas escenas do Belén e pertencen aos membros do Grupo Fonmiñá Miguel Calvo, Miguel Fraga, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Gerardo Méndez e Eduardo Ochoa. A mostra permanecerá na sede da Xunta en Lugo ata o martes día 10 de decembro para viaxar despois ata Mondoñedo.
-
A Asociación Española de Ciencia Rexional vén de premiar o traballo de investigación elaborado polo grupo de investigación GAME da Universidade de Santiago (USC) que estuda o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago e que se está a converter nunha eficaz ferramenta para a toma de decisións na xestión galega ao redor da Ruta Xacobea. O traballo, presentado o ano pasado, foi recoñecido co VI Premio Blog a Riqueza das Rexións á mellor entrada de 2019 nesta plataforma da asociación española, pola súa achega á sustentabilidade do Camiño de Santiago. O documento resume parte dos resultados alcanzados no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e este grupo de investigación.
-
O Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia decidiron outorgar os tres recoñecementos honoríficos dos Premios Galicia de Turismo na súa primeira edición a: Luz Casal, que recollerá o galardón como Embaixadora Nacional 2019; Hong-jo Chun, embaixador da República de Corea en España, premio Embaixador Internacional; e os hosteleros Ramón e Francisco Vilas, recoñecidos como Pioneiros. O Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia consideran que a cantante Luz Casal representa o sentimento de orgullo pola terra e que coa súa sólida e recoñecida traxectoria artística contribuíu en boa maneira a difusión da marca Galicia por todo o país.
-
Galicia presenta o potencial turístico do norte peninsular ante os profesionais do sector turístico desta zona de Italia. Trátase dunha das accións incluídas no 30 Aniversario da España Verde na que Galicia se encargou de presentar esta marca turística como anticipo do seu papel en 2020, cando a Comunidade galega será a coordinadora da España Verde. A fortaleza turística das catro comunidades autónomas que forman parte da España Verde (País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia) queda patente no feito de que no que levamos de ano esta zona foi visitada por preto de 11 millóns de viaxeiros, o 10% dos viaxeiros que visitaron España este ano. A España Verde é un destino especialmente estratéxico para un mercado como o italiano, que conta con varias comunicacións aéreas nos aeroportos da zona.
-
A mostra Galicia, un relato no mundo, que se inaugura no Gaiás a próxima semana, concibe as novas tecnoloxías como un elemento central do relato da exposición, empregando sistemas punteiros de realidade virtual, realidade aumentada e dispositivos de detección sensorial. Entre outras aplicacións, a mostra converterá a arquitectura do Museo Centro Gaiás –a través de realidade virtual– nun transatlántico da emigración galega a América; permitirá dar vida a todo un universo da Galicia medieval empregando tecnoloxías propias dos videoxogos; recreará o templo no que se atopa a referencia ao pobo dos galaicos máis distante ¬–o Sebasteion das Afrodisias en Turquía– ou fusionará linguaxes tan distintas e afastadas no tempo como os códices medievais e a estética propia do cómic e do graffiti.
-
Trátase dunha mostra expositiva itinerante que rende homenaxe ao traxe tradicional galego e onde se mesturarán máis de 200 variedades de camelia con pezas como mantóns, panos, zapatos, capelinas, dengues, San Cosmeiros ou cofias. Como novidade, tamén se incluirán varios traxes do Ballet Rey de Viana. Esta exposición é posible grazas ao traballo dos máis de 20 coleccionistas galegos que presentarán na mostra as súas flores cultivadas. Tras o seu paso por Santiago de Compostela, a 'Camelia de Galicia-Traxe galego, unha parella perfecta' porá en valor a cultura galega, a natureza e os atractivos que a Ruta da Camelia ofrece a través das súas doce paradas por toda a xeografía galega.
-
A Xunta de Galicia ven de facer pública a Axenda do país dos 25 asuntos máis urxentes e prioritarios, a plantear ao futuro Gobeerno desde o modelo de centralidade política que Galicia representa, cunha doble faciana de lealdade e esixencia: Lealdade a todas as institucións do Estado, por riba da sua cor partidaria, e esixencia de todo o que en xustiza precisa a cidadanía galega.
-
Durante os nove primeiros meses do ano Galicia recibiu máis de 4,1 millóns de viaxeiros que realizaron máis de 9 millóns de pernoitas, o que supón a cifra máis elevada da serie histórica. Así se desprende dos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que amosan incrementos na nosa Comunidade moi superiores aos acadados a nivel estatal. En concreto, mentres a demanda sube en toda España un 0,9%, en Galicia medra un 6,5%, 5,6 puntos máis.