Skip to main content

Noticias

  • A Xunta de Galicia puxo en marcha durante estas semanas de confinamento a iniciativa Galicia, na túa casa, un microsite que reúne diferentes recursos online para visitar e coñecer varios dos atractivos turísticos galegos de xeito virtual e que xa foi utilizado por máis de 13.000 persoas. No marco da campaña #aculturasegue, as redes sociais da Consellería de Cultura e Turismo están a ofrecer unha serie de visitas guiadas virtuais das que desfrutar cada día ás 17,00 horas para visitar desde a casa algúns dos lugares máis emblemáticos das catro provincias. Desde a súa posta en marcha, foron máis de 6300 as persoas que participaron nestes percorridos en liña que promoven o noso patrimonio.
  • O conselleiro de Cultura e Turismo, acompañado do seu equipo e membros do Igape, presentou a través dun webinar no que se inscribiron máis de 600 profesionais e axentes do sector cultural o Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, Un proxecto pioneiro no ámbito autonómico que se porá en marcha este mesmo mes de maio. No encontro achegouse información sobre as principais medidas adoptadas para a reactivación do sector cultural, que inclúen un bloque específico dotado con 10,2M€ e a meirande parte das medidas transversais do Xacobeo, que conta con outros 5,6M€. Establecidas en ambos os casos, para acompañar e apoiar ao tecido empresarial e ao conxunto do sector cultural durante a transición cara á nova normalidade.
  • Galicia proporá mañá no Consejo Jacobeo contar cun protocolo de medidas sanitarias específico para o Camiño de Santiago, unha proposta na que a Comunidade xa ten avanzado da man do Instituto da Calidade Turístico Española (ICTE) e á que convidará a sumarse a todos os territorios polos que discorre a Ruta Xacobea co obxectivo de traballar de xeito conxunto. A Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, órgano de coordinación entre o Goberno central e as comunidades autónomas, reunirase por vía telemática despois de que así fose solicitado pola Xunta de Galicia ao Goberno central o pasado 13 de abril. Desde entón, mantivéronse encontros con numerosos colectivos dunha quincena de países dos cinco continentes co fin de recoller as súas achegas coa máxima axilidade e detalle.
  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha do Plan de reactivación da cultura e o turismo, cun investimento de 27 millóns de euros e preto de 50 medidas específicas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo. Co fin de cumprir este triplo obxectivo, Feijóo precisou que a Consellería da Cultura e Turismo elaborou este plan reestruturando o seu orzamento e recompuxo as partidas para ir mellorando as expectativas dos sectores turístico e cultural. “Todo isto para dar unha resposta rápida a dous sectores que supoñen o 13% do PIB e o 14% do total do emprego na Comunidade Autónoma”.
  • A Xunta de Galicia analizará o impacto da actual crise sanitaria no Camiño en colaboración coa Universidade de Santiago a través dun estudo a cargo do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega). A súa diagnose da situación, sumado ás conclusións que se deriven do grupo de expertos avanzado a pasada semana, permitirá adaptar o Xacobeo 2021 ao escenario post Covid-19. Así o expuxo o conselleiro de Cultura e Turismo durante unha videoconferencia con asociacións de amigos do Camiño de Santiago de ámbito internacional, na que participaron a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Isaías Calvo.
  • A Xunta porá en marcha un grupo de expertos multidisciplinar co obxectivo de adaptar o Xacobeo 2021 á saída da crise sanitaria provocada polo Covid-19. Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal, unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos iniciada nas últimas semanas con diferentes colectivos para abordar a situación actual. Este grupo de traballo contará cunha ampla presencia de representantes de todos os colectivos implicados no feito Xacobeo, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros.
  • Os gobernos autonómicos das comunidades da España Verde acordaron reorientar as accións desta marca turística do norte peninsular ao mercado nacional tras a crise do COVID-19, nunha videoconferencia entre as directoras e viceconselleiras de Turismo de Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia. A xuntanza permitiu analizar o impacto da actual crise nos seus territorios e artellar posibles vías de colaboración. Na reunión abordáronse as diferentes medidas adoptadas polas catro comunidades autónomas en colaboración co sector e se puxo de manifesto a oportunidade que ofrece a España Verde á franxa do norte peninsular para traballar xuntos e axudar a impulsar ao sector na saída do confinamento.
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, e o de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron hoxe unha videoconferencia cos representantes do Clúster Turismo de Galicia, encabezado polo seu presidente, para avaliar as necesidades do sector como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus. Trátase dun encontro enmarcado na rolda de contactos posta en marcha pola Xunta para avanzar de xeito conxunto no deseño de medidas, coñecendo de primeira man as súas achegas. No transcurso desta xuntanza avaliáronse as principais demandas do sector, tendo en conta que o escenario de saída do estado de alarma, que deberán concretar as autoridades sanitarias, poderá condicionar a súa actividade.
  • A candidatura da Ribeira Sacra logra finalmente dar o último paso e estar entre as 24 propostas de inscrición elixidas para ser presentada e sometida a estudo e debate na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará en sede aínda por determinar durante 2021. A paisaxe cultural galega acaba de lograr ser aceptada como a proposta de España para esta sesión, e entra en avaliación para a súa posible inclusión na prestixiosa lista da que xa forman parte a Cidade Vella de Santiago, o Camiño Francés, os Camiños do Norte, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. Esta candidatura está baseada nun profundo e importante traballo técnico no que se destaca o valor universal excepcional desta zona.
  • A Xunta ten reservado alomenos un hotel en cada cidade para acoller ao persoal sanitario que así o desexe, unha oferta que se poderá incrementar se fose necesario no conxunto das áreas sanitarias. Este recurso forma parte das máis de 4.000 prazas hostaleiras que coordina a Administración autonómica para aloxar aos traballadores de servizos esenciais e a persoas especialmente vulnerables que o precisen. Trátase dunha lista de prazas dinámica, espallada por todo o territorio e que se vai adaptando ás necesidades. Así se puxo de manifesto durante a reunión do Centro de Coordinación Operativa creado pola crise do coronavirus, que foi presidido polo vicepresidente da Xunta.