Skip to main content

Noticias

  • Un protocolo de colaboración entre a Xunta e o Goberno portugués permitirá afondar na colaboración entre estas dúas institucións no ámbito da programación do Xacobeo 2021 e a certificación dos camiños de Santiago no país veciño. Así se acordou na reunión telemática na que, por parte galega participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os membros da Comisión de Certificación dos Camiños de Santiago pola parte portuguesa. Na reunión tamén se tratou a situación do proceso de certificación dos Camiños de Santiago en Portugal na actualidade, así como a posibilidade de acadar acordos coas distintas entidades rexionais portuguesas dos territorios polos que pasa o Camiño de Santiago.
  • Galicia recibiu no mes de agosto medio milleiro de viaxeiros (532.867) que fixeron un total de 1,4 millóns de pernoitas, o que supuxo que a demanda de aloxamento en Galicia resistise mellor que a media española, cunha diferencia de 20 puntos mellor que o conxunto do Estado, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na comunidade situouse no 36,4% fronte ao 56,3% do conxunto do Estado. Estes datos destacan o bo traballo do sector turístico en Galicia nas circunstancias actuais marcadas pola covid-19.
  • Galicia contará con dous plans de sostibilidade turística para a Ribeira Sacra e Santiago de Compostela. Estes plans terán como fin promover accións de promoción nestes destinos e mellorar a súa competitividade. A decisión foi trasladada polo Goberno central ao vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, durante a reunión da Conferencia Sectorial de Turismo, á que tamén asistiron representantes do resto de comunidades autónomas e a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Os Plans de sostibilidade turística foron unha das medidas acordadas o pasado xuño, na propia Conferencia Sectorial, para reactivar e dinamizar o sector.
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego traballa nun Plan Estratéxico da Década Xacobeo 2021-2032 co obxectivo de contar cunha folla de ruta que aproveite as sinerxias dos tres próximos anos santos. Alfonso Rueda compareceu esta mañá na Cámara galega, a petición propia, para explicar as previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento nesta lexislatura 2020-2024, onde indicou que o turismo é un dos sectores clave para a recuperación económica da nosa comunidade polo que se potenciara o Xacobeo como oportunidade única para a proxección exterior de Galicia, de maneira que se buscarán e potenciarán proxectos que se prolonguen no tempo e sexan mais sustentables e fortalezan a marca Galicia.
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a modificación do acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño sobre medidas de prevención para facer fronte á crise da covid-19 na que se establece que os locais de ocio nocturno poderán reabrir ao público as súas terrazas ao aire libre. A reapertura deberá levarse a cabo nas mesmas condicións e cumprindo as medidas de hixiene e prevención fixadas para as terrazas dos establecementos de restauración e hostalaría, do mesmo xeito que ocorreu durante o proceso de desescalada. Desta forma, o aforo máximo será do 75% e só se poderá realizar o consumo e o servizo en mesa, sen posibilidade de instalación de barras para os clientes da terraza.
  • O verán climatolóxico galego, que abrangue os meses de xuño, xullo e agosto, foi este ano cálido e con precipitacións que se situaron dentro do normal en comparación co período de referencia 1981-2010. Así, a temperatura media en Galicia situouse en 19,7 graos, 0,55 graos por riba do esperado neste período, mentres que os datos de chuvia rexistrados nas estacións máis representativas da comunidade quedáronse en valores similares aos da serie histórica. O avance do informe climatolóxico do verán elaborado por MeteoGalicia atribúe este balance a un mes de xullo extremadamente cálido, con temperaturas en xeral máis altas do habitual e especialmente no que respecta ás máximas.
  • A Comunidade galega despide un mes de agosto que se considera moi húmido, debido ás precipitacións abondosas rexistradas nas xornadas do 12 e 19 de agosto. Así se desprende do avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, onde se indica que cada un deses días por separado xa supera os valores normais de agosto e sumando as precipitacións rexistradas -xunto con algún día de chuvia máis feble-, permite caracterizar o mes como moi húmido en gran parte da Comunidade. Así, a precipitación media acumulada foi de 92 L/m2 e deuse unha gran diferencia entre comarcas do norte da Comunidade, como a Mariña Central e a comarca do Sar con rexistros de precipitación acumulada de 266 L/m2; fronte ás do sur.
  • A evolución do turismo en Galicia foi en xullo 22 puntos superior á media española, segundo se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na Comunidade foi do 51% fronte ao 73% do conxunto do Estado. Os establecementos hoteleiros galegos recibiron no sétimo mes do ano un total de 257.870 turistas, o que sitúa a Galicia como a quinta comunidade con maior volume. Estes viaxeiros realizaron preto de 600.000 pernoitas, en concreto 598.513. A nivel de mercado, o turismo de proximidade continúa a ter máis relevancia no turismo en Galicia, xa que o viaxeiro nacional gaña presencia fronte ao internacional, máis afectado polas restricións de mobilidade.
  • O festival de danza Corpo(a)terra adiantou o programa da súa décima edición, que se desenvolverá en Ourense e en Allariz do 26 ao 30 de agosto. En canto á carteleira deste décimo festival de danza e artes do corpo, hai varias propostas novidosas, como a estrea do espectáculo Pedras nas luces, que se desenvolverá na noite do día 28 en Allariz e na do día 29 en Ourense. Trátase dunha coprodución de Umiles e a Central Folque inspirada nos canteiros de Cotobade, na que os drons bailarán ao son da música, que poderá ser escoitada polos espectadores desde os seus dispositivos móbiles vía streaming a través da web do festival. A programación tamén inclúe montaxes de compañías galegas como Kirenia Danza, Alejandra Balboa, Funboa ou Nuria Sotelo, ademais das obras seleccionadas polo circuíto Acieloabierto, performances DJ e colaboracións internacionais, como o Programa de Movemento Virtual Xeolocalizado.
  • O sábado 12 de setembro o recinto do Festival da Luz acollerá un programa moi especial: a Edición Leiras, un novo formato adaptado á situación actual onde gozar dunha xornada chea de música nun ambiente íntimo, familiar, tranquilo e seguro. A inmensa leira natal de Luz Casal, onde cada ano divírtense máis de 12.000 persoas, dividirase en parcelas, en Leiras, seguindo as normas de distancia de seguridade ata completar un aforo de 500 persoas. Poderase así gozar da música en directo ao aire libre con tódalas medidas sanitarias e de prevención. As Leiras terán capacidade para 2, 5 e ata 10 persoas e incluirán máscaras, xel desinfectante e ecovaso individual.