Noticias
-
Presentar unha primeira estimación do impacto da COVID-19 sobre a capacidade do Camiño Francés á hora de albergar peregrinos foi a meta do proxecto de investigación liderado por Roberto Bande Ramudo do Grupo de Análise e Modelización Económica da USC. Ao abeiro da Cátedra do Camiño e das Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, este proxecto concluíu que “o impacto da pandemia sobre a capacidade de carga pode ser cualificado como moderado”. Pola súa parte e tamén no marco da mesma convocatoria, a investigación coordinada por Dolores Riveiro García, pertencente ao mesmo grupo de investigación, constatou que o perfil do peregrino non se viu afectado pola devandita situación de alerta sanitaria.
-
Alberto Núñez Feijóo avanzou que as dúas liñas de axuda que faltaban por activar do Plan de rescate para traballadores autónomos e microempresas, dotado de 84 M€, se convocarán coa publicación no DOG das súas bases. Fíxoo tras lembrar que o prazo para solicitar a primeira das liñas de axudas, a dirixida a persoas autónomas con ou sen empregados, de entre 1.200 e 2.000 euros, xa se abriu a semana pasada. “Recibimos 17.009 solicitudes que xa teñen comprometidos 21 M€”, sinalou. Con respecto ás dúas liñas de axudas que se activarán, no caso da dirixida a microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, os beneficiarios poderán optar a apoios de 4.000 euros, mentres que os de sectores especialmente paralizados recibirán 5.000 euros.
-
A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, participou hoxe por videoconferencia na 87ª reunión do Consejo de Patrimonio Histórico na que se analizaron as candidaturas españolas, entre as que se inclúe a proposta de Galicia para a Ribeira Sacra, que serán avaliadas na próxima sesión do Comité do Patrimonio Mundial que se celebrará en China no verán de 2021. Así, co obxectivo de que a paisaxe cultural da provincia de Lugo e Ourense sexa incluída na prestixiosa Lista do Patrimonio Mundial durante a celebración da 44ª sesión estendida do Comité, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo un importante traballo técnico, impulsado pola da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para acreditar e defender os valores sobranceiros deste territorio.
-
A candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel acaba de superar o último trámite para poder someterse o próximo ano ao ditame definitivo da Unesco. Así o anunciou esta mañá en Chantada a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pouco despois de que lle comunicaran que o Comité Español do Programa Home e Biosfera (MaB) acababa de darlle o visto bo por unanimidade ao expediente remitido pola Xunta hai un ano.
-
Expertos e expertas das tres universidades galegas están a traballar coa Xunta e o Clúster Turismo de Galicia nas bases do novo Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, co que o executivo autonómico pretende facer fronte á covid-19 e reactivar o sector turístico. Concretamente o Plan, presentado hoxe en Santiago de Compostela polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, busca recuperar a confianza dos viaxeiros a través dun modelo turístico sustentable e de calidade e que sitúe a Galicia ademais como un destino seguro que ofrece un turismo tranquilo e non masificado.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou en rolda de prensa que a Xunta apoiará aos establecementos da hostalería pechados debido ás restricións provocadas pola covid-19 cunha liña de axudas de entre 2.200 e máis de 7.000 euros. Tras lembrar as reunións mantidas con representantes do sector na busca de solucións e anunciar a apertura dunha Mesa da hostalería para perfilar esta liña de axudas, Feijóo explicou que o abano oscila entre “como mínimo 2.200 euros no caso dun autónomo propietario dun bar ou dunha cafetería sen empregados” e máis de 7.000 euros no caso dun autónomo que teña empregados nesa cafetería, nese bar ou nese restaurante.
-
Galicia recibiu no mes de setembro 56.100 turistas estranxeiros, que representaron un 4,9% do total do turismo procedente doutros países que recibiu o noso país, segundo se recolle no último informe do INE sobre Movementos Turísticos en Fronteira (Frontur). A cifra supón unha contracción de case o 70% na chegada de turistas estranxeiros respecto a setembro de 2019 como consecuencia das limitacións de mobilidade producidas pola pandemia. A menor dependencia deste mercado fixo unha vez máis que o comportamento da demanda turística galega volvera ser mellor ca no conxunto de España.
-
O vicepresidente primeiro Alfonso Rueda, trasladou hoxe ao Goberno central a solicitude de redución do IVE turístico ao 4% para axudar ao sector durante a pandemia. Alfonso Rueda, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou por videoconferencia na reunión de responsables da marca turística España Verde, no que están integrados os gobernos de Asturias, Cantabria e País Vasco, que xunto con Galicia, integran a marca España Verde, e onde está tamén Turespaña. A premisa da reunión é seguir traballando en proxectos conxuntos aproveitando o modelo turístico común entre estas rexións coa meta de reactivar o turismo do norte peninsular.
-
O turismo galego resistiu mellor o mes de setembro que o conxunto de España, cun diferencial positivo de 18 puntos nas pernoctacións, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Así, se en Galicia o descenso das noites en establecementos hoteleiros baixou un 60% respecto ao mesmo mes do ano pasado, na media nacional a baixada acadou o 78%. Galicia segue a conter a caída xeneralizada, ao igual que nos meses de xullo e agosto, nos que se situou 24 por debaixo que a nivel nacional. En canto á ocupación hoteleira, a influencia da covid-19 supuxo un descenso interanual de arredor de 27 puntos, pero en España a baixada foi 14 puntos superior ao caer máis dun 40%.
-
A consellería de Sanidade lembra que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia e que estiveran dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 3’5 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autorida-des sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non. Con este recordatorio, Sanidade continúa a aplicar a folla de ruta deseñada para acadar unha detección e diagnose precoz de calquera infección por coronavirus, protexendo así a saúde dos cidadáns. Nestes intres, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con menor incidencia acumu-lada nos últimos 14 días, de acordo cos datos que reflicte o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.