Noticias
-
A Xunta de Galicia abre a inscrición dalgunhas das actividades que conforman a campaña de verán, que este ano se pon en marcha baixo o lema 'O verán que mereces’. Desde hoxe pódese solicitar praza nun dos 40 campos de voluntariado e, ademais, o DOG publica a convocatoria dos campamentos de verán para as mozas e mozos de entre 9 e 17 anos, polo que a partir de mañá xa se permitirá a recepción de solicitudes. O programa de actividades, que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro, porá á disposición da xuventude galega un total de 7820 prazas, mil máis que o ano pasado.
-
A Xunta realizará unha proba piloto como ensaio previo á reapertura do ocio nocturno cando se dean as circunstancias. Farase o 12 de xuño en dúas discotecas e catro pubs de concellos con niveis de restricións medio-baixos. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acordaron con representantes do sector o protocolo de reactivación.
-
A Xunta estende a gratuidade no transporte público aos menores de 21 anos de toda Galicia desde o vindeiro 21 de maio, coa utilización da tarxeta ‘Xente Nova’. Este dispositivo, que ata o momento podía empregarse nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra, expandirase a toda a comunidade a partir do venres da próxima semana, permitindo que todos os menores de 21 anos viaxen de balde no autobús da Xunta, ademais de no barco no caso da ría de Vigo e no ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol.
-
As praias galegas obtiveron este ano un total de 111 bandeiras azuis e, ademais, a Comunidade sitúase á cabeza de todo o Estado en número de sendeiros azuis, con 20. Así, Galicia sitúase entre as autonomías máis galardoadas pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), cun global de 155 distintivos entre areais, portos deportivos, sendeiros azuis e centros azuis. Con 111 bandeiras para as súas praias, catro máis que o ano anterior, a Comunidade acapara preto do 20% das outorgadas en toda España.
-
A candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel a Reserva da Biosfera encara a recta final cara á súa proclamación oficial por parte da Unesco este mesmo ano. Así o indicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o miradoiro do Cabo do Mundo, no concello lucense do Saviñao, desde onde se pode ver unha das mellores panorámicas desta zona. Este foi o lugar escollido para facer balance do traballo liderado pola Xunta nos dous últimos anos ata chegar ao momento actual, pendente tan só do pronunciamento do Comité Internacional de Coordinación do programa MaB (Man and Biosphere).
-
Artellado como un encontro de tres días que terá lugar do 5 ao 7 de novembro no novo Edificio Fontán da Cidade da Cultura, Carta de Santiago contará coa participación de relatores e relatoras de prestixio internacional, especialistas nos diferentes eidos temáticos que tratará o evento, que se estrutura en catro macro-áreas: economía, ciencia, medio ambiente e cidadanía. Das conclusións deste encontro nacerá unha publicación homónima, documento que ademais de recoller as reflexións xeradas, incluirá textos que complementen as conversas e debates ao vivo.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana no terceiro pleno do ano do Comité Europeo das Rexións (CdR), celebrado de forma virtual dende o martes. Na sesión desta mañá, os máis de 300 representantes rexionais e locais debateron sobre as dificultades atopadas para a recuperación do sector turístico, hostalería e restauración. O comisario de Mercado Interior, Thierry Breton, explicou como este é o sector cun déficit de investimento máis elevado de entre os 14 ecosistemas definidos na Estratexia Industrial da UE.
-
A Xunta presentou o programa Primavera Xove para ofrecer opcións de lecer e ocio seguras para a xuventude galega no actual contexto de pandemia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, adiantou que esta nova iniciativa se desenvolverá en tres formatos diferentes —programas de fin de semana nos albergues xuvenís, encontros formativos nos campos universitarios e feiras nos espazos xoves—, e terá lugar durante os meses de maio e xuño. A primeira destas actividades centrarase en estadías de fin de semana nos albergues xuvenís Lug II de Lugo e en Gandarío, situado no concello de Bergondo.
-
Unha selección dalgunhas das obras máis importantes da Colección de Arte da Fundación María José Jove chegan á USC a través da mostra ‘Corpos presentes’ que poderá visitarse ata o 3 de xullo na Igrexa da Universidade e no Colexio de Fonseca. Dende Salvador Dalí, pasando por Chillida ou Tápies, esta exposición concibida para o Xacobeo 2021-22, está composta por trinta obras que desenvolven unha narrativa en torno ao corpo, convidando a repensar conceptos básicos da peregrinación con procesos místicos e espirituais implícitos tamén no proceso creativo.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe das novas medidas acordadas polo comité clínico para seguir avanzando no proceso de apertura gradual e medido, e adaptarse á nova situación que se abre co fin do estado de alarma. Nesta liña, afirmou que o Executivo autonómico seguirá escoitando aos expertos sanitarios que integran o comité clínico para tomar decisións, co obxectivo prioritario de xestionar a pandemia e protexer aos cidadáns dos riscos sanitarios, económicos e sociais.