Skip to main content

Dalí, Tápies ou Chillida chegan a Santiago de Compostela a través da mostra 'Corpos presentes'

q‘Corpos Presentes’ expón unha analoxía entre o desprazamento da viaxe e o tránsito vital no proceso creativo. “Tanto o peregrinar como a creación artística preséntanse como espazos da experiencia e ambos os dous supoñen proxectos de desenvolvemento, de coñecemento dun mesmo e de renovación persoal”, explican dende o comisariado da exposición que correu a cargo da directora da Colección de Arte, Susana González. Neste senso, sempre hai no proceso creativo un retiro parcial e análogo ao profesado polo peregrino, “unha comuñón entre o espazo e o corpo”, apunta. O primeiro é a motricidade e o segundo, o compoñente de apertura perceptiva ao mundo. “Nos dous prodúcese unha tensión entre procura e cambio, a experiencia implica unha capacidade de rememorar, así como un proceso de coñecemento dun mesmo e de construción autobiográfica”, sinala.

Susana González, detalla que “a peregrinación é un fenómeno unido á condición itinerante do ser humano que comparten outros desprazamentos de diferente índole, como as emigracións, os exilios, outras viaxes e expedicións, que centran a temática das obras que protagonizan esta exposición”. Pola súa parte, Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, explica que “a Colección de Arte desta Fundación evolucionou nos últimos anos explorando a condición das fronteiras que definen os límites, os territorios ou as identidades e avogando por crear espazos de debate e reflexión. ‘Corpos Presentes’ é un claro exemplo. Non había mellor momento para facelo que no marco do Xacobeo”.

Entre as obras seleccionadas da Colección atópanse autores como Mariano Fortuny, Eduardo Chillida, Salvador Dalí, Anselm Kiefer, Georg Baselitz, Antony Gormley, Luis Gordillo, Louise Bourgeois, Tápies, Antonio Saura, Juan Muñoz, Helena Almeida, Julião Sarmento, Elmgreen and Dragset, Ángela de la Cruz, Jorge Barbi, Manuel Vilariño, June Crespo, Antoni Tàpies e Esther Ferrer. A mostra poderá visitarse dende o venres 7 de maio ata o 3 de xullo en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Ademais, haberá actividades didácticas para o público familiar arredor da mostra; e no mes de setembro, poderá verse o documental ‘Corpos presentes’, realizado coa axuda da Xunta de Galicia dentro do programa 'O teu Xacobeo' e que recolle a visita aos estudios de seis dos artistas internacionais integrantes da mostra.

Inauguración

O reitor Antonio López inaugurou a exposición este xoves acompañado de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Jose Antonio Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; e Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, alén de Susana González, comisaria da exposición e directora da Colección de Arte, entre outras autoridades e personalidades do ámbito cultural de Galicia.

A Colección de Arte que alberga a Fundación María José Jove iniciouse a mediados da década dos noventa coa vontade de reunir unha selección de obras de arte galega ata que, posteriormente, foise ampliando para formar un abanico de figuras e movementos artísticos a nivel estatal e internacional dos séculos XIX ao XXI. Considerada unha das coleccións privadas máis importante de España, está integrada por máis de 600 obras dos principais movementos artísticos e dos cales se expoñen de maneira permanente 120. Actualmente, mostra a súa inclinación por procesos de investigación e produción de manifestacións artísticas contemporáneas.
R.