Skip to main content

A Ribeira Sacra entra na recta final para a súa declaración oficial como Reserva da Biosfera pola Unesco este mesmo ano

Deste xeito o explicou a conselleira, quen indicou que aínda que o acto de proclamación estaba previsto inicialmente para xuño en Nixeria, o comité español do MaB acaba de notificar que a reunión se pospón, como mínimo, ata o final do verán.

Fondos para as reservas da biosfera

Precisamente esta foi unha das cuestións que se abordou o pasado venres na reunión extraordinaria do Comité español do programa MaB, celebrada telematicamente e na que participou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Segundo explicou a conselleira, nesta xuntanza tratouse tamén a proposta de criterios para a territorialización por comunidades das partidas asignadas para as reservas da biosfera de todo o país con cargo aos fondos europeos de recuperación económica.

Non obstante, a futura Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel non figuraba incluída no devandito reparto, que se restrinxía tan só ás 52 reservas declaradas en España a día de hoxe, unha omisión ante a que a Xunta amosou o seu malestar e solicitou unha rectificación por parte do Goberno.

Neste sentido, a conselleira agradeceu que a proposta feita e defendida polo Executivo galego na reunión do comité español do MaB fose finalmente apoiada por unanimidade, o que garante que e Galicia recibirá no período 2021-2023 uns fondos axeitados e acorde á dimensión de todas as súas reservas da biosfera.

De feito, subliñou que a próxima proclamación da que será a sétima Reserva da Biosfera da Comunidade suporá unha boa nova para a Ribeira Sacra e tamén para toda Galicia. Así, lembrou que coa súa incorporación, a superficie catalogada con este recoñecemento internacional incrementarase ata chegar case ao 35% de todo o territorio galego; pero tamén suporá que o 42% de Galicia quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo.

Obxectivo: conseguir a tripla coroa da Unesco

Ángeles Vázquez incidiu en que será un recoñecemento clave para este territorio, que se estende por 18 municipios da provincia de Lugo e 5 da de Ourense, unidos polo seu alto valor paisaxístico e cultural en común e a súa aposta decidida por un desenvolvemento sustentable. Ademais, lembrou que permitirá subir outro chanzo para seguir avanzando cara ao ambicioso obxectivo que se fixou a Xunta: conseguir a tripla coroa da Unesco para a Ribeira Sacra.

Neste sentido, cómpre lembrar que desde abril do ano 2019 este territorio ostenta o título de Xeoparque Montañas do Courel –o único deste tipo que hai na Comunidade e que, de forma paralela aos traballos desenvolvidos para impulsar a súa candidatura a Reserva da Biosfera, a Consellería de Cultura lidera tamén unha proposta para que sexa recoñecido pola Unesco como Patrimonio Mundial.

Por iso, a conselleira indicou que o compromiso da Xunta coa posta en valor da Ribeira Sacra “é indiscutible”, tanto polo traballo que se está a realizar para que obteña o máximo recoñecemento internacional como polos investimentos e o apoio expreso do seu departamento a este territorio. En concreto, referiuse á posta en marcha en 2019 do Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra, que contempla ata 10 actuacións ambientais e de ordenación do medio físico nesta zona, cun orzamento de 3,5 millóns de euros e que beneficiará a unha trintena de concellos.

Entre os últimos avances e os principais fitos acadados no marco deste plan, Ángeles Vázquez subliñou o Pacto pola paisaxe, asinado a finais de 2020 e do que moi pronto se poderá presentar o documento definitivo; o Plan de acción da paisaxe, actualmente en fase de información pública; ou a ARI supramunicipal da Ribeira Sacra, declarada o ano pasado e na que se abriu a finais de marzo unha nova convocatoria de axudas para rehabilitar vivendas, aínda en prazo para a presentación de solicitudes aínda aberto.
R.