Skip to main content

O encontro internacional 'Carta de Santiago' promoverá a reflexión sobre os retos da cultura e a sociedade do futuro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá a celebración o próximo mes de novembro de Carta de Santiago, un encontro internacional impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Paideia Galiza no marco do Xacobeo 21-22, que nace coa vocación de converterse nun gran espazo de reflexión para dar resposta aos desafíos globais que enfronta a sociedade despois dunha crise sanitaria con importante impacto social e económico.

Artellado como un encontro de tres días que terá lugar do 5 ao 7 de novembro no novo Edificio Fontán da Cidade da Cultura, Carta de Santiago contará coa participación de relatores e relatoras de prestixio internacional, especialistas nos diferentes eidos temáticos que tratará o evento, que se estrutura en catro macro-áreas: economía, ciencia, medio ambiente e cidadanía. Das conclusións deste encontro nacerá unha publicación homónima, documento que ademais de recoller as reflexións xeradas, incluirá textos que complementen as conversas e debates ao vivo.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, participaron esta mañá na Cidade da Cultura na primeira reunión da comisión de co-creación do evento que, formada por galegos e galegas que destacan profesionalmente en diversos campos de acción, está xa a traballar na conformación do programa de contidos e relatores do foro.

“Este encontro ofrece unha oportunidade única en dúas vertentes: por unha banda, para construír un novo enfoque na celebración do Xacobeo e aproveitar o efecto tractor do Camiño de Santiago e os seus valores para encarar os desafíos do noso futuro, nun contexto global pero tamén local. Pola outra, polo impulso que un encontro deste calado supón para a visibilidade internacional de Galicia e o prestixio do Camiño de Santiago e da celebración Xacobea”, asegurou Román Rodríguez.

“Nun escenario marcado pola crise epidemiolóxica e cheo de incertezas arredor do futuro, Carta de Santiago procura as respostas con persoas expertas e de recoñecido prestixio internacional”, sinalou o conselleiro, destacando que o encontro quere ademais “contribuír a ampliar a esfera de relevancia de Compostela, da Cidade da Cultura, do Xacobeo e do propio Camiño, vencellado historicamente a ideais de concordia, diálogo, encontros e celebracións compartidas, espírito compartido con Carta de Santiago”.

Aproveitando esta primeira sesión de traballo da comisión de co-creación presentáronse as liñas mestras do evento nun acto público no que tamén participaron a xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas e vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer, Marisol Soengas, en representación da comisión de co-creación; e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
Neste acto, o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza puxo en valor a importancia do proxecto Carta de Santiago para Galicia e agradeceu á Xunta ter escollido á Fundación Paideia Galiza como socio neste proxecto. “Os nosos proxectos están sempre comandados cunha clara vocación de servizo público, tomando como fío condutor o coñecemento autocrítico, independente, plural e reflexivo”. Engadiu ademais que o encontro Carta de Santiago “describe a filosofía que mantén a fundación desde os seus inicios no ano 1986 e exemplifica a misión da Fundación Paideia Galiza nesa busca de resposta aos retos aos que nos enfrontamos as persoas e a sociedade”.

Comisión de co-creación

Carta de Santiago conta cun comité de co-creadores encargado de darlle forma ao programa de contidos e relatores do encontro, formado por persoeiros de diferentes eidos temáticos, e do que forman parte, por exemplo, Amparo Alonso, licenciada en Química e doutora en Física, catedrática da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación Española para la Inteligencia Artificial (AEPIA); Pedro Calaza, doutor enxeñeiro agrónomo pola Universidade de Santiago de Compostela e director da Escola Galega da Paisaxe; ou Mónica Fernández Aceytuno, licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidad Complutense de Madrid, Premio Nacional de Medio Ambiente “Félix Rodríguez de la Fuente de Conservación de la Naturaleza” en 2003.

Completan o cadro de especialistas no eido científico os nomes de Ana Freire, doutora en Ciencias da Computación, Premio Fundación Real Academia de Ciencias al Joven Talento Científico Femenino e fundadora do Concurso Internacional Wisibilízalas; César de la Fuente, investigador en biotecnoloxía recoñecido polo MIT como un dos científicos máis innovadores menores de 35 anos; ou Marisol Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas e vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer, recoñecida coa Medalla Fritz Anders á Investigación en Cancro de Pel.

Por último, tamén se inclúen nesta comisión os nomes das empresarias Cristina Fernández-Armesto –socia da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda e Premio Empresarias de Galicia 2019– e Isabel López-Chamorro, agricultora ecolóxica e promotora da primeira comunidade de vivenda compartida interxeracional de Galicia; o escritor Domingo Villar, a xornalista Marga Pazos, a cantante e compositora Luz Casal, o pintor e escultor Franciso Leiro e a presidenta da Fundación Paideia Galiza, Sandra Ortega.
R.