Skip to main content

Leiras, a opción máis segura e solidaria coa que darlle vida ao Festival da Luz

A reserva das Leiras estará activada a partir de hoxe a través da páxina web do Festival. O importe das entradas destinarase a Cruz Vermella Responde en Galicia co fin de axudar aos colectivos máis vulnerables e afectados pola urxencia sanitaria provocada polo Covid-19. Ademais, co obxectivo de sumar máis fondos a esta causa -dado o aforo limitado do evento que reduciría a recadación-, habilitarase a compra da Entrada Leira Solidaria 0, unha entrada que poderán comprar de forma ilimitada todos aqueles que queiran contribuír á doazón.

Eladio y Lo Seres Queridos, Susana Seivane, Boyanka Kostova, Agoraphobia, Terbutalina e o acústico de Monoulious Dop compoñerán o cartel desta xornada especial do Festival da Luz que se completará co Concerto Vibra Mahou a cargo de LAU, unha actuación vinculada á colaboración establecida entre a cervexeira, a Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI), que ten como obxectivo impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.

O Festival, que recentemente aprazou a súa edición de 2020 ao 2021 polo Covid-19, aposta por esta nova programación alternativa coa ilusión e esperanza de activar a economía da localidade, de avivar o sector cultural e de lograr unha recadación solidaria nun ano no que se necesita máis que nunca para poder paliar, na medida do posible, as importantes perdas que a pandemia nos supuxo a todos.

Este novo proxecto non sería posible sen o apoio e colaboración dos patrocinadores e impulsores do formato: Xunta de Galicia, Xacobeo 2021, Fest Galicia, Estudios Mans, Fundación La Caixa, Caixabank, Consellería do Medio Rural, Deputación da Coruña, Mahou, Gadis, Inorde, AIE, Bodegas HGA , Cocacola y Cadena Ser.
R.