Skip to main content

O sector turístico galego estuda medidas específicas que faciliten o mantemento do tecido empresarial

Por iso, abordáronse iniciativas centradas no mantemento empresarial, o contexto laboral, a disposición de liquidez ou a aposta por medidas de transición dixital.

O titular de Cultura e Turismo explicou que o Goberno autonómico xa traballa nun plan de reactivación dotado con 25 millóns de euros para o conxunto do seu departamento co obxectivo de priorizar o emprego e o mantemento do tecido empresarial dun sector que resulta estratéxico para a nosa Comunidade. De feito, o turismo representa o 11% do emprego xerado en Galicia e supón máis dun 10% do seu Produto Interior Bruto (PIB).

Nesa liña, referiuse tamén ao plan de seguridade sanitaria avanzado esta semana, que buscará xerar confianza no sector e dar as máximas garantías tanto aos usuarios como aos propios traballadores. Do mesmo xeito, sinalou a importancia de aproveitar o Xacobeo 2021 como un elemento de reactivación económica pola súa especial incidencia no turismo.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladou ao Clúster Turismo de Galicia que as empresas deste sector –un dos máis afectados pola crise do Covid-19– poden acceder ás liñas de financiamento postas en marcha pola Xunta, como a de préstamos que mobilizará 250 millóns de euros para cubrir gastos esenciais como facturas, salarios ou alugueres. Tamén se adoptaron medidas de suspensión de prazos para a presentación de certos impostos e aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta.

Ademais, lembrou que o Goberno galego ten activadas varias canles para que os autónomos e pemes poidan estar informados e resolver todas as dúbidas que teñan con respecto ás distintas medidas económicas postas en marcha como o teléfono gratuíto da Liña Empresas (900 815 600), a web https://ceei.xunta.gal/coronavirus, ou a aplicación para móbiles Gohu.
R.