Noticias
-
Atardecer no Gaiás –o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– volveralle pór banda sonora ao verán do 9 de xullo ao 3 de setembro con actuacións ao aire libre os xoves. Esta décima edición apostará por artistas galegos: Fon Román, Verto, Xoana, Guadi Galego, Quinteto Nós, dani, Budiño e Son Trío e desenvolverase nun formato máis reducido e coas medidas de seguridade sanitaria da etapa poscovid-19. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza –limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes– na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia (www.cidadedacultura.gal), e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección.
-
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publica os primeiros datos turísticos de 2020, que indican que o turismo en Galicia medrou por riba da media española. En concreto, a demanda incrementouse na nosa Comunidade un 9%, fronte ao 3% a media estatal. Segundo o INE, os hoteis e pensións de Galicia recibiron en xaneiro 179.479 viaxeiros -un 8,2% máis que hai un ano- que fixeron 338.030 noites, o que supón un crecemento do 9%, dando así continuidade á evolución de 2019. En termos de mercado, os datos estatísticos difundidos indican que melloran todos os perfís de viaxeiros.
-
A Xunta recoñecerá o esforzo dos concellos comprometidos coa paisaxe e o medio ambiente cun novo distintivo: a Bandeira Verde de Galicia. Un recoñecemento que pretende coidar e fortalecer a Galicia verde, recoñecendo o esforzo daqueles concellos que implanten boas prácticas e fomenten o compromiso dos seus veciños neste eido. Estas bandeiras verdes concederanse anualmente a aqueles municipios que cumpran con criterios que xiran en torno a 5 eixos: a protección da paisaxe, o cambio climático e eficiencia enerxética, a mobilidade sustentable, a xestión responsable dos residuos e accións de educación e sensibilización ambiental. Será un xurado técnico o encargado de avaliar as candidaturas que se presenten, puntuando os méritos que acrediten os concellos e outorgando especial valía ás medidas innovadoras.
-
A Xunta solicitoulle ao Goberno de España a creación dunha comisión de seguimento das obras do AVE que se reúna con periodicidade mensual. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle hoxe un escrito ao secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Pedro Saura, demandando a creación dun foro sobre a alta velocidade ferroviaria similar ao establecido polo Executivo central con outras autonomías.O Goberno galego considera conveniente que a primeira xuntanza desa comisión de seguimento se celebre xa neste mes de febreiro, coa fin de achegarlle á cidadanía galega información oficial, clara, concreta e certeira sobre a evolución desta infraestrutura estratéxica, unha vez constatado o incumprimento do acordo político de rematar as obras a finais de 2019.
-
Galicia acadou en 2019 os mellores datos turísticos da súa historia rexistrando cifras récord en indicadores como a demanda ou a competitividade e consolidando a súa aposta pola calidade, a descentralización e a sustentabilidade. En total, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), Galicia rexistrou máis de 5,1 millóns de visitantes que realizaron preto de 11 millóns de pernoitas nos distintos establecementos de aloxamento regrado, acadando así a cifra de demanda turística máis elevada desde que hai rexistros, que se produce en paralelo a unha mellora nos aspectos vencellados á repercusión económica e cualitativa deste sector. Así, Galicia afronta o novo ciclo xacobeo no mellor momento do seu turismo.
-
'Xacobeo en Camiño' é unha iniciativa pioneira que permitirá levar a programación do Xacobeo 2021 a todas as grandes vilas e cabeceiras de comarca e na que se agarda a participación de máis de 400.000 persoas. Neste marco, levaranse a cabo más de 1000 actividades deseñadas para o público infantil e familiar que inclúen iniciativas no ámbito da música, das artes escénicas e da enogastronomía, así como exposicións e obradoiros. Este programa está construído a través dun modelo de xestión cultural de vangarda, dialogado co ecosistema cultural de cada vila e baseado na descentralización, na participación e na sustentabilidade.
-
Galicia potenciará o Camiño de Santiago como eixo vertebrador das comunidades que conforman a marca España Verde e como exemplo do seu modelo turístico, baseado na calidade e a sustentabilidade. Nun acto celebrado en Fitur, escenificouse o traspaso de poderes do País Vasco a Galicia, que neste 2020 asume a coordinación das actividades desta marca turística que integra a Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco. A aposta por un turismo de calidade permite ás comunidades que conforman este proxecto avanzar en eixos estratéxicos como a descentralización de fluxos ou a desestacionalización da demanda, así como mellorar as súas variables turísticas.
-
O Goberno galego entregou esta mañá no Ministerio de Cultura y Deporte a documentación da Candidatura da Ribeira Sacra para a súa revisión e envío á UNESCO que, previsiblemente, acontecerá antes concluír este mesmo mes de xaneiro. Galicia conta cun vasto patrimonio cultural material recoñecido pola UNESCO e incluído na Lista do Patrimonio Mundial: a Cidade vella de Santiago de Compostela, os Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. A Comunidade avanza agora no impulso de tres novas candidaturas: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Cidade de Ferrol-Porto da Ilustración.
-
Galicia achega máis do 60% dos proxectos que desenvolve o Consejo Jacobeo no marco do Xacobeo 2021, liderando así a remisión de propostas a este órgano de coordinación entre as autonomías polas que pasa o Camiño de Santiago e o Goberno central. En concreto, das 92 iniciativas aprobadas por este ente, un total de 58 –o 63%– foron presentadas pola Xunta de Galicia, tal e como se informou hoxe no marco da xuntanza da Comisión Organizadora do vindeiro Ano Santo, que está integrada por representantes de diferentes departamentos da Xunta, da Igrexa e do Concello de Santiago de Compostela.
-
O ano 2019 caracterizouse en Galicia por ser un período cálido e húmido. Esta é a principal conclusión do balance climatolóxico realizado por MeteoGalicia, que no avance do seu informe anual subliña sobre todo a anomalía rexistrada nas temperaturas medias, lixeiramente por riba dos valores agardados, e tamén nas precipitacións, cun 15% máis de chuvia recollida do previsto. Tomando como referencia os valores medios das estacións máis representativas da comunidade durante o período 1981-2010, a principal conclusión é que, entre os meses de xaneiro e decembro, a temperatura media no conxunto da comunidade situouse nos 13,8 graos, é dicir, 0,2 graos máis do esperado.