Noticias
-
A directora de Turismo de Galicia ven de participar en Lobios no acto de clausura do Congreso internacional Termalismo 2021-2027 no marco da "Semana Termatalia", no que incidiu no apoio do Goberno galego para impulsar a competitividade dos balnearios en canto á súa capacidade aloxativa e modernización.
-
O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o Delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiron xunto á Torre de Hércules, ao inicio da rodaxe que promove o Consorcio de Turismo da Coruña dentro do programa O TEU XACOBEO. Julia Baird grava estes días en Ferrol, Bruma e Santiago o vídeo da canción ‘Teu Camiñar’, composta pola artista galega Cristina Rubirosa. Segundo comentou Román Rodríguez, John Lennon proxectou facer o Camiño nos anos 70 con Salvador Dalí, o que finalmente non puido cumprir.
-
O presidente da Xunta visitou o Centro Gallego da cidade arxentina de Comodoro Rivadavia, onde anunciou que este Xacobeo vai ser unha festa sen fronteiras, nunha terra "á que vir e á que volver coa certeza de atopar algo novo". Agradeceu a este centro case centenario, a sua vocación por ter Galicia presente, cun museo dedicado á emigración galega ou cunha biblioteca con máis de 3.000 volúmes.
-
Que o Comite se reúna en Galicia ven de acordarse en Bruxelas, onde a candidatura galega competía coa proposta da cidade alemá de Wismar, capital de Mecklemburgo Noroccidental. Tras unha votación xeral cargada de incerteza, os membros do CdR elixiron finalmente a candidatura de Galicia, o que permitirá subliñar o carácter europeísta da nosa comunidade como etapa final do Camiño de Santiago e estreitar os vencellos no eido da Unión Europea, asentados nos valores da solidariedade e a concordia.
-
Doce bandas e artistas vigueses daranse cita o vindeiro 28 de setembro en 'Vigo Emerxe', un gran concerto no Museo do Mar de Galicia que porá en valor a escena musical da cidade. O cartel de Vigo Emerxe inclúe nomes de artistas e bandas locais emerxentes e outros referentes dentro da escena cultural e musical da cidade como The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r. e. a. l., Kaixo, Laura Iturralde, Juanma Lodo, BabyKatze ou Santi Araújo. A nómina de participantes complétase cos nomes doutros músicos da cidade cunha ampla traxectoria como Pablo Novoa, exmembro da histórica banda Golpes Bajos, ou Nicolas Pastoriza, protagonista tamén da escena musical da cidade nos anos 80 dentro do grupo Bromea o qué?.
-
Preto de 300 participantes recrearon un ano máis en Santiago de Compostela os entroidos galegos no tradicional desfile de verán nas rúas do casco vello no que puideron amosar a autenticidade, variedade e riqueza desta tradición. Na edición deste ano participaron entroidos recoñecidos como festa de Interese Turístico como o de Xinzo de Limia, cos pantallas, que se estreaban neste desfile sendo o primeiro ano que participan en Santiago tras o recoñecemento de Interese Turístico Internacional. Tamén participaron representantes de Verín, cos cigarróns, que conta coa declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia. Trátase de Viana do Bolo, Cobres, os Xenerais da Ulla, e Vilariño de Conso, cos boteiros.
-
Hoxe foron declaradas ben de interese cultural as nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu taller procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela. A tramitación deste expediente non recibiu alegacións no período de información pública e contou cos informes favorables en relación ao carácter sobranceiro das pezas da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, segundo estes os devanditos elementos escultóricos acreditan o valor suficiente para ser declarados bens de interese cultural, contando polo tanto co máximo nivel de protección e tutela previsto na lexislación vixente.
-
Preto de 90 establecementos de turismo rural das catro provincias participarán na 13ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. Ademais de aloxamento, os establecementos que participarán nesta actividade –que se desenvolverá entre o 13 de setembro e o 15 de decembro– ofrecerán diferentes menús elaborados con produtos galegos de temporada. Ademais, como novidade este ano, inclúese a posibilidade de realizar, no seu caso, actividades como paseos a cabalo, rutas de sendeirismo, visitas a adegas ou lugares de interese paisaxístico ou cultural como o Pórtico da Gloria, actividades deportivas como surf ou rafting, circuítos termais ou mesmo un escape room, grazas á nova oferta Outono Plus.
-
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura abrirá ao público e á noitiña este xoves e venres coas visitas especializadas As Nocturnas. O obxecto é ofrecer fóra do seu horario habitual un xeito de achegarse diferente e orixinal –con música e petiscos– e exclusivo –non máis de 30 persoas– á exposición 'Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia'. A nova edición de As Nocturnas celebrarase xa este xoves e venres do 29 e 30 de agosto e terá continuidade os 5 e 6 de setembro. Este ciclo permitiralles aos asistentes ter a oportunidade de coñecer de primeira man a través de expertos os oficios e as creacións artísticas da xoiería, cestería e cerámica galega.
-
O Abanca Galicia Classic Surf Pro recibiu durante a súa ultima edición a 350 deportistas procedentes de 31 países, o que subliña o carácter internacional do evento e o potencial para seguir avanzando na especialización da oferta turística galega e na súa proxección exterior. Entre as novidades deste ano figura unha das catro únicas probas do campionato mundial absoluto World Longboard Championship, fundamental para a clasificación dos vindeiros Xogos Olímpicos de Tokio, no que o surf será deporte olímpico por vez primeira. O impacto do Abanca Galicia Classic Surf Pro constátase no seu crecente número de visitantes, pasando dos 65.000 da edición de 2017 aos 100.000 de 2018 pero tamén no seu seguemento a través de internet, xa que as diferentes probas son retransmitidas por streaming a todas as partes do mundo.