Skip to main content

Galicia presenta na rexión italiana de Véneto a fortaleza turística do norte peninsular no 30 aniversario da España Verde

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe na rexión italiana de Véneto o potencial turístico do norte peninsular ante preto dun cento de profesionais do sector turístico desta zona de Italia. Trátase dunha das accións incluídas no 30 Aniversario da España Verde na que Galicia se encargou de presentar esta marca turística como anticipo do seu papel en 2020, cando a Comunidade galega será a coordinadora da España Verde.

Durante o acto, Nava Castro salientou a fortaleza turística das catro comunidades autónomas que forman parte da España Verde: País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia, que no que levamos de ano foi visitado por preto de 11 millóns de viaxeiros, o 10% dos viaxeiros que visitaron España este ano.

Como explicou, a España Verde é dun destino especialmente estratéxico para un mercado como o italiano, que conta con varias comunicacións aéreas nos aeroportos da España Verde incluíndo voos directos a varias cidades do norte como Milán, Venecia ou Boloña. Ademais, salientou a riqueza enogastronómica deste destino conxunto que aúna preto de 50 restaurantes Estrella Michelín, ou os máis de 2.500 km de costa que permiten presentar unha ampla oferta turística asociada aos recursos marítimos do noroeste peninsular.

Un 5% máis de turistas italianos

O acto, no que participaron representantes de distintos segmentos da cadea de valor do turismo, tamén se incluíu unha demostración en vivo das propostas culinaria que ofrecen os catro destinos da España Verde que incluíu unha mostra gastronómica dos produtos do norte, onde tivo unha presenza destacada tanto da cociña como dos viños, cunha degustación das denominacións de orixe galegas.

A acción diríxese nun mercado como o italiano que trouxo este ano a Galicia preto de 100.000 viaxeiros, un 5% máis. No caso do Camiño de Santiago, o número de peregrinos italianos que recolleron a Compostela está a medrar máis dun 6% con máis de 28.000 peregrinos.
R.