Skip to main content

Galicia acada as mellores cifras de turismo da súa historia, subindo un 5,6% máis que a media estatal

As cifras do INE sinalan que ata setembro se aloxaron en Galicia 224.000 viaxeiros máis que hai un ano e realizaron preto de 550.000 noites máis. Isto propicia que a nosa Comunidade supere por primeira vez o 9 millóns de pernoitas neste período. En relación ao resto de autonomías, Galicia e Navarra encabezan os destinos con incrementos máis intensos.

Por tipoloxía de aloxamentos, o INE informa de que en Galicia todas as modalidades están a obter resultados positivos tanto en número de turistas como en pernoitas. A demanda nos hoteis incrementouse no que vai de ano un 5,5%, nas pensións un 8,9%, nos apartamentos turísticos un 15,7%, nos cámpings un 6% e no turismo rural preto dun 5%.

Por mercados, o turismo internacional gaña peso no acumulado do ano. De feito, é a primeira vez que entre xaneiro e setembro, o mercado estranxeiro supón aproximadamente o 24% do total dos viaxeiros que visitan Galicia. Tamén o mercado nacional medra un 5,3%.

Máis tempo e competitividade

O INE tamén revela un positivo comportamento noutros indicadores como a estadía media. Continúa a aumentar o tempo que os turistas pasan en Galicia. O incremento, de case un 1%, leva esta variable ata a cifra na máis elevada dos últimos sete anos.

Ademais, as tarifas hoteleiras melloraron no período analizado polo INE. En concreto medraron un 1,8%, facendo que tamén melloren os niveis de rendibilidade hoteleira, que sobe neste caso máis dun 6%, acadando a cifra máis elevada da década.

Os ingresos totais do sector hoteleiro subiron un 8,3% no acumulado a setembro deste ano, xerando máis de 253 millóns de euros. É a cifra máis elevada desta década.
R.