Skip to main content

O Museo Gaiás aposta pola realidade virtual e aumentada para mergullar ao visitante na mostra 'Galicia, un relato no mundo'

A que será a primeira exposición internacional do Xacobeo 2021 emprega a tecnoloxía co fin de expandir os obxectos e as historias, traéndoas ao presente e crebando as dificultades de acceso a libros e outros obxectos distanciados do visitante por barreiras de lectura ou de imposibilidade de manipulación. As persoas que se acheguen a Galicia, un relato no mundo a partir do 15 de novembro verán así o seu corpo convertido na interface tecnolóxica que lles permite navegar entre as distintas capas de información que a exposición ofrece, decidindo en cada momento canto queren profundar nunha determinada historia.

A tecnoloxía permitirá enriquecer a experiencia dunha exposición que reunirá máis de 300 pezas senlleiras da cultura galega e do patrimonio universal. Moitas delas poderanse ver por vez primeira en Galicia chegadas desde institucións de referencia de todo o mundo como o Museo do Prado, as bibliotecas das universidades de Oxford e Cambridge, o Trinity College de Dublín ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal. Será a oportunidade de ver tamén o traballo de empresas tecnolóxicas galegas punteiras como son Xoia Software Development e Inusual, encargadas do desenvolvemento e a implementación do software interactivo da mostra.

Singular experiencia inmersiva

En Galicia, un relato no mundo, a realidade virtual ofrecerá unha singular experiencia inmersiva na que se combina un espazo real e un espazo virtual, a través dunha tecnoloxía punteira coñecida como hiperrealidade. O comisario da mostra, Manuel Gago Mariño, explica que esta tecnoloxía permitirá “converter o balcón do segundo andar do Museo Centro Gaiás na cuberta dun transatlántico de mediados do século XX de xeito que, cunha mochila e gafas de realidade virtual, os participantes poden mergullarse con liberdade na cuberta do barco, interactuar con obxectos e con personaxes e revivir o emocionante momento da partida cara América que experimentaron os seus devanceiros”, finaliza.

A mostra permitirá tamén viaxar no tempo e no espazo ata o Sebasteion da cidade de Afrodisias, na Turquía occidental. Trátase dun monumental templo conmemorativo da memoria do primeiro emperador romano, Octavio Augusto, onde figura a inscrición máis distante que coñecemos referida ao pobo dos galaicos. A través de realidade aumentada, as persoas visitantes poderán interactuar cunha espectacular réplica a tamaño real da inscrición e, a través de tablets, erguer ao seu redor o templo tal e como se coñecía a finais do Imperio romano.

Un percorrido interactivo

Os sistemas sensoriais de presenza, que permiten detectar a posición ou o interese do visitante para despregar distintos niveis de información, serán outro dos recursos tecnolóxicos empregados na mostra con diversas aplicacións.

Por unha banda, permitirán aos visitantes, sen tocar nada, manipular libros ou despregar mapas que axudan a comprender o significado e a procedencia das pezas ou desvelan historias gardadas en antigos códices, narrándoas dun xeito visual e con recursos tomados de linguaxes próximas ao usuario, como o mundo do cómic ou do graffiti. Para isto, a mostra conta con ilustradores como Miguel Peralta, Miguel Robledo ou Novenoel, cuxa arte formará parte tamén de Galicia, un relato no mundo.

Tamén a Galicia do século XII e as historias do Camiño de Santiago cobrarán vida nas mans dos usuarios a través dunha mesa interactiva e de recursos propios do mundo dos videoxogos. Interactuando con diversos obxectos reais –como cerámica ou moedas– desencadearanse unha serie de eventos históricos que se poderán ver nunha recreación tridimensional nas pantallas colocadas a tal efecto no Museo Centro Gaiás.

Proxeccións que se despregan en canto os visitantes toman asento ou un percorrido polas diferentes variantes da lingua galega e portuguesa a través do mundo completan o despregue tecnolóxico co que a mostra constrúe o seu relato sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo.

Ata o 12 de abril de 2020

A mostra, que se poderá visitar de balde na Cidade da Cultura entre o 15 de novembro de 2019 e o 12 de abril de 2020, inclúe máis de 300 pezas en exposición, entre as que se atopan obras senlleiras da cultura galega e universal. É o caso do Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, a Biblia Kennicott –manuscrito considerado unha xoia da iluminación medieval e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia–, ou a Santa –unha das obras máis significativas do escultor Francisco Asorey–.

A exposición está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación HispanoJudía. Está enmarcada na programación da Xunta de Galicia polo Xacobeo 2021, que conta con Estrella Galicia e Gadisa como patrocinadores especiais.
R.