Skip to main content

O programa 'Camiño Escena Norte' impulsa o intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco



A Xunta colabora co proxecto Camiño Escena Norte para impulsar a programación galega desta iniciativa de intercambio cultural co resto das comunidades autónomas polas que discorre a Ruta Xacobea do Camiño do Norte: Asturias, Cantabria e País Vasco. Con tal fin, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a presidenta de Escena Galega e representante en Galicia do devandito programa, Belén Pichel, asinaron un convenio no que se especifican os dous eixos arredor dos que se desenvolverán as diferentes actividades: Intinerario Constelacións e Camiño Expandido.

En primeiro lugar, a programación do Itinerario Constelación en Galicia suporá a realización entre os vindeiros meses de setembro e outubro de oito funcións en diferentes escenarios a cargo de compañías asturianas, cántabras e vascas, ao tempo que unha selección de formacións galegas terás a oportunidade de presentar os seus traballos nas outras tres comunidades participantes.

Pola súa banda, Camiño Expandido ofrecerá unha serie de actividades paralelas para explorar as posibilidades de futuras coproducións, realizar intercambios formativos e afondar no diálogo entre as escenas dos diferentes territorios. Entre elas, o programa de residencias artísticas Habitación Peregrina PRO, que en Galicia se levará a cabo na sede que o Centro Dramático Galego (CDG) ten no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Alí traballarán conxuntamente durante a primeira semana de setembro a empresa galega Urdime e a compañía asturiana El Callejón del Gato co obxectivo de avanzar na coprodución dun espectáculo orientado cara aos primeiros anos da infancia.

O Camiño do Norte como referencia cultural

Coa ruta histórica do Camiño do Norte como referencia, este proxecto interautonómico ofrecerá pois unha intensa programación escénica, que favorecerá o coñecemento mutuo entre os profesionais e o público destas catro comunidades autónomas, ademais de contar tamén cunha vertente de dinamización social e turística. Será, en definitiva, unha ruta cultural que lle amosará aos espectadores a diversidade cultural, lingüística e de formatos da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.

Camiño Escena Norte, que en Galicia conta co apoio económico da Xunta, xurde por iniciativa das asociacións profesionais de empresas de produción escénica das devanditas comunidades, que aglutinan un centenar de compañías de teatro, monicreques, danza e novo circo: Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).
R.