Noticias
-
Representantes de diversos museos da comunidade reuníronse para iniciar o proceso de elaboración da Lei de Museos de Galicia. O CGAC acolleu este encontro de traballo, que serviu para establecer unha toma de contacto entre o sector museístico e os representantes da Xunta de Galicia. Preto de 30 institucións culturais de toda Galicia participaron nesta primeira xuntanza na que se solicitou a participación e se escoitaron as primeiras achegas técnicas dos profesionais involucrados nas actividades museísticas. Neste caso, trátase de acadar un proceso participativo e transparente, escoitando as opinións e achegas de todos os integrantes do ecosistema galego de museos.
-
A cidade de París acolle desde hoxe a 44ª edición do certame Salon Mondial du Tourisme e Galicia participa por cuarto ano consecutivo para promover a súa oferta turística e as principais novidades do destino Galicia para o ano 2019 no quinto mercado emisor máis importante para a Comunidade. O Salón Mondial du Tourisme de París, celébrase entre os días 14 e 17 de marzo no recinto Parc des expositions Porte de Versailles e nos últimos anos tense convertido nun dos principais certames turísticos de Francia, en canto á afluencia de público e concorrencia de operadores turísticos. Nesta edición farase especial fincapé na difusión do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, así como os produtos turísticos relacionados coa natureza e a cultura.
-
Galicia e Portugal celebrarán un cumio sobre competitividade da economía e a industria para abordar temas comúns e propoñer novas accións que reforcen as relacións económicas e que se centren nos sectores produtivos de máis importancia a ambos lados da fronteira. Así o acordaron hoxe nunha xuntanza o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, co ministro Adxunto e da Economía do país veciño, Pedro Siza Vieira. Tamén participou neste encontro a secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Ana Mendes Godinho. Unha das principais cuestións abordadas durante o encontro foi avanzar na coordinación nas accións vinculadas co Camiño de Santiago de cara a celebración do Xacobeo de 2021.
-
Galicia promove os seus recursos turísticos na XXVI edición do certame turístico Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), que se celebra na capital de Rusia, Moscova. Durante estes días, a Comunidade presenta a súa oferta turística xeral do interior e da costa, o Camiño de Santiago así como algunhas das novas experiencias deste ano centradas no patrimonio e cultura galegas, de interese para este mercado. A MITT é o evento sectorial de turismo máis importante de Europa do Leste e está aberta tanto aos profesionais como ao público xeral. Galicia está presente cun módulo dentro do apartado destinado a España onde se difunde a oferta galega.
-
O ciclo 'Cultura no Camiño' entra na recta final da súa sétima edición con 60 actuacións en setembroO ciclo Cultura no Camiño ofrecerá durante o mes de setembro 60 actuacións de música e artes escénicas como peche da súa sétima edición, que botou a andar a primeiros de maio para lle achegar 284 citas culturais ao público de 76 concellos das Rutas Xacobeas. A Consellería de Cultura e Turismo encárgase da organización deste circuíto, para o que conta coa colaboración dos municipios participantes. Desde os seus inicios, o programa mantén como prioridade a dinamización e descentralización da oferta cultural, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia por formacións artísticas profesionais. Con este fin, Cultura no Camiño conta este ano coa participación de 127 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma á carteleira de 2019.
-
A Xunta coordinará co Ministerio de Cultura e Deporte a próxima celebración, en Santiago de Compostela, dunha xuntanza do Consejo Jacobeo na que se invite a participar ás comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago e que non están integradas neste organismo. O obxectivo é implicar a todas elas na celebración do Xacobeo 21 por tratarse dun acontecemento estratéxico para o conxunto do Estado. Esta decisión foi tomada no transcurso da 53ª edición da Feira Internacional ITB de Berlín, unha cita na que Galicia promove cada ano a súa oferta turística neste mercado, o segundo do que proceden máis viaxeiros e que move máis peregrinos.
-
O turismo rural, despois de rematar o ano 2018 acadando o seu máximo histórico, volveu a crecer en Galicia durante o primeiro mes do ano. Así, segundo os datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), decantáronse por este tipo de establecementos 4.610 viaxeiros. Esta cifra supón un incremento do 1,5% en relación co mes de xaneiro do pasado ano. O turismo rural tamén lidera o crecemento no número de noites. Con respecto ao mesmo mes do anterior ano, a cifra incrementouse un 10,8% como consecuencia da subida da estadía media. Ao marxe do turismo rural, este comportamento é positivo en toda a demanda regrada en Galicia, onde o volume de noites subiu nun 1,6%, mentres que no conxunto do Estado esta cifra descendeu un 0,8%.
-
A Rede Galega de Teatros e auditorios acolle a estrea en Santiago do novo espectáculo de ExcéntricasCarpe Diem, o novo espectáculo da compañía galega Producións Teatráis Excéntricas, estréase o vindeiro mércores 27 no Teatro Principal de Santiago, onde poderá verse ata o venres 1 de marzo dentro da programación que ofrece este espazo como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Esta é unhas das 10 montaxes que se presentan este semestre diante do público compostelán a través deste circuíto da Xunta de Galicia, cofinanciado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as entidades xestoras dos 40 espazos asociados. En Carpe Diem, Producións Teatráis Excéntricas leva ás táboas, por primeira vez en Galicia, unha obra do autor e cineasta brasileiro Rubem Fonseca, considerado o meirande escritor vivo en lingua portuguesa.
-
O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia contará co seu primeiro Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), un completo documento no que se recollen e regulan os usos permitidos neste espazo natural durante a vindeira década co fin de garantir unha maior protección e conservación dos seus valores. Despois de acadar o visto bo do Consello da Xunta a finais de 2018, coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do decreto de aprobación do plan cómprese o último trámite para a súa entrada en vigor e dáse así un paso imprescindible na candidatura do parque nacional a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe reforzar o Corredor ferroviario ao Noroeste cos investimentos necesarios para unha España equilibrada porque “unha España hemipléxica –aseverou- tería consecuencias irreparables a longo prazo”. Deste xeito, e durante a súa participación, xunto cos presidentes do Principado de Asturias e de Castela e León, nun almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum, propuxo que se garanta na planificación do Corredor Atlántico o baipás de Monforte, a conexión ferroviaria do Porto Punta Langosteira e, sobre todo, a saída sur de Vigo que, na súa opinión, debe proxectarse xa, aínda que non se poida incorporar ao trazado do corredor ata 2023.