Skip to main content

Preto de 30 institucións participan no CGAC na xuntanza de traballo para deseñar a futura Lei de Museos de Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse con representantes de diversos museos da comunidade para avanzarlles o inicio do proceso de elaboración da Lei de Museos de Galicia. O CGAC acolleu este encontro de traballo ao que asistiu tamén o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e que serviu para establecer unha toma de contacto co sector museístico.

Preto de 30 institucións culturais de toda Galicia participaron nesta primeira xuntanza na que se solicitou a participación e se escoitaron as primeiras achegas técnicas dos profesionais involucrados nas actividades museísticas. Neste caso, trátase de acadar un proceso participativo e transparente, escoitando as opinións e achegas de todos os integrantes do ecosistema galego de museos.

O obxectivo da nova lei, como expuxo o conselleiro, será impulsar a planificación estratéxica e a cooperación para converter os museos galegos nun recurso cultural e económico máis eficiente e adaptado aos tempos. O texto, que deberá definir as funcións, liñas de acción relativas á xestión e o fomento, e establecer os deberes dos centros museísticos galegos na súa ampla casuística, pretende quedar consolidado como texto legal antes de que remate 2019.

Institucións de referencia

Os museos desempeñan unha importante función na súa condición de espazos para a transmisión cultural, o diálogo intercultural, a aprendizaxe, o debate, a formación, a cohesión social e o desenvolvemento sustentable. Ademais, apoian a actividade económica local, en particular, por conduto das industrias culturais e creativas e o turismo.

O encontro permitiu constatar que a sociedade cambiou e tamén cambiaron os públicos. Os museos, como centros dinámicos conectados coa sociedade, tamén mudaron os hábitos de consumo e de acceso á cultura, o que dalgún xeito obriga a redefinir os contidos, as prioridades e os procedementos de traballo nas institucións museísticas para adecuarse aos novos tempos e demandas actuais.

No marco da reunión tamén se abordou a importancia que os diversos centros museísticos galegos van ter no marco da celebración do vindeiro Xacobeo 21. Haberá unha actividade expositiva específica e novas propostas e proxectos que enriquecerán a programación cultural deste gran evento, de xeito que chegue ao meirande número posible de concellos e comarcas de Galicia.
R.