Skip to main content

Galicia promove os seus recursos turísticos durante esta semana en Moscova na principal feira de Europa do Leste

Galicia promove os seus recursos turísticos desde hoxe e ata o xoves na XXVI edición do certame turístico Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), que se celebra na capital de Rusia, Moscova. Durante estes días, a Comunidade presenta a súa oferta turística xeral do interior e da costa, o Camiño de Santiago así como algunhas das novas experiencias deste ano centradas no patrimonio e cultura galegas, de interese para este mercado.

A MITT é o evento sectorial de turismo máis importante de Europa do Leste e está aberta tanto aos profesionais como ao público xeral. Galicia está presente cun módulo dentro do apartado destinado a España onde se difunde a oferta galega tendo en conta que este é un mercado especialmente interesado pola natureza, a enogastronomía, o turismo de saúde e termal, as tradicións ou o Camiño de Santiago, entre outras.

Trátase dun certame no que Galicia vén participando nos últimos anos coa intención de consolidar a presenza da Comunidade en Rusia e tamén tendo moi en conta a faceta profesional desta feira, que facilita poder abrir novas canles de colaboración con empresarios de turismo rusos e outros mercados satélites. A presenza na MITT complétase coas diferentes viaxes de prospección realizadas en Galicia para operadores turísticos rusos ou misións de comercialización celebradas en Moscova e outras cidades rusas

Mercado emerxente

Rusia é un dos mercados emerxentes nos que Galicia traballa. Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), o ano pasado chegaron á Comunidade preto de 10.000 viaxeiros rusos que fixeron máis de 18.500 noites, sendo esta a segunda cifra máis elevada da década. O mercado ruso representa preto do 1% da demanda turística internacional de Galicia e sitúase no posto número 15 no ranking de principais mercados estranxeiros na nosa Comunidade.

No que se refire ao Camiño de Santiago, segundo os datos da Oficina do Peregrino, o ano pasado recolleron a Compostela un total de 1.905 peregrinos rusos, mentres que a cifra dez anos antes fora de 72.
R.