Skip to main content

A Xunta e o Estado constitúen o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para este ano

Na reunión tamén participaron o tenente coronel da Garda Civil, José Manuel Vázquez; o xefe superior de Policía Nacional de Galicia, Manuel Vázquez; o comandante do V batallón da UME, Alfonso Gómez; o director xeral de Protección Civil e Emerxencias, Alberto Herrera; o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto; o subdirector xeral de Política Forestal, José Manuel Jacquotot; e o delegado de Defensa en Galicia, Antonio Bernal, entre outros.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia da coordinación e da cooperación entre Administracións para conseguir facer fronte con maior eficacia aos incendios forestais. Polo que reiterou a implicación e o traballo conxunto de todas as Administracións na prevención e na loita contra os incendios forestais, como Administración central, Xunta, concellos, exército, policía, garda civil, policía autonómica, axentes forestais, e bombeiros forestais, entre outros.

De aí, subliñou que como cada ano, constitúese o CIPIG para estar preparados con antelación para facer fronte coa maior solvencia e a maior eficacia aos lumes forestais, especialmente agora que se achega o período de máximo risco.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, lembrou que a Xunta mobiliza na loita contra o lume un total de 7.000 efectivos en época de alto risco, entre os propios da Xunta e os do Estado, así como uns 30 medios aéreos e 360 motobombas, tal como se establece no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) para este ano 2019.

Así, José González destacou o reforzo de persoal levado a cabo no Servizo de Prevención e Defensa contra os incendios, creando 137 novas brigadas de reforzo que, no ano 2017 traballaban durante 3 meses e que este ano estarán operativas un total de 5 meses, ao igual que o resto do persoal laboral de campaña. Tamén subliñou a incorporación de medios técnicos de última xeración, tales como a incorporación de 30 novas cámaras para a vixilancia fixa, que se veñen a sumar ás 88 xa existentes e que en total permitirán visibilizar 1,8 millóns de hectáreas (case dous tercios da superficie da nosa comunidade).

Tamén salientou como novidade o uso de drons para accións de vixilancia, detección de actividade incendiaria, control de xestión da biomasa, investigación e extinción de incendios. Ademais, o conselleiro explicou que se levará a cabo un proxecto piloto de alertas temperás en puntos estratéxicos do territorio que recollan observacións meteorolóxicas fiables. Tamén lembrou que se colaborará cos concellos na prevención e defensa das aldeas, que permitirá levar a cabo actuacións de limpeza de biomasa en 700 núcleos de toda Galicia, é dicir, nunhas 4.500 hectáreas este ano.

Finalmente, o titular de Medio Rural destacou a importancia que vai supor o novo número de teléfono anónimo de denuncia dos incendiarios, o 900 815 085, que permitirá fomentar a cooperación cidadá contra a actividade incendiaria, xa que os veciños poderán alertar sobre actividades sospeitosas subministrando calquera información que aporte valor nunha investigación policial presente e futura.
R.