Skip to main content

Aberto o prazo para inscribirse nunha das nove rutas de inverno do Parque Nacional das Illas Atlánticas

Durante a actual campaña, que arrancará o 24 de febreiro en Ons e se estenderá ata o próximo 15 de abril, ofreceranse un total de 158 prazas para visitar as catro illas que conforman o parque. A idea é traballar sempre con grupos reducidos para poder ofrecer unha visita de calidade e o máis personalizada posible, ao tempo que se garante a preservación dos valores do entorno.

Como os anos anteriores, o prazo para inscribirse mantense aberto ata catro días antes da visita e para cada ruta abrirase unha lista de agarda coa que cubrir eventuais baixas. De feito, en caso de non poder asistir e tendo en conta á alta demanda que ten a actividade, cada participante deberá anular a súa reserva na mesma páxina web como máximo tres días antes.

Todas as actividades guiadas ás illas son de balde, aínda que os participantes deberán asumir o custo do seu transporte. No caso de Cíes e Ons, poderán acceder a través da liña regular que as distintas navieiras autorizadas ofrecen con saída desde distintos portos, ou ben achegarse en embarcacións privadas autorizadas. Para acceder a Sálvora e Cortegada, onde por razóns de conservación non hai transporte regular diario, o propio parque organiza un transporte especial pero o custo do billete deberá asumilo igualmente o interesado.

Este programa de visitas guiadas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas naceu en febreiro do ano 2014 e ata o momento, xa participaron nel máis de 1.250 persoas. A súa finalidade é animar aos cidadáns de todas as idades a coñecer os valores naturais e culturais deste espazo fóra da tempada estival, unha época de menor afluencia na que se poden descubrir outros aspectos singulares do Parque Nacional.

Ruta a Cíes para familias con nenos

A temática das rutas é moi diversa, xa que van desde o carácter histórico e botánico do percorrido pola illa de Cortegada coa ruta O segredo dun bosque no medio do mar, pasando pola riqueza xeolóxica das rochas de Sálvora coa visita Esculturas e lendas, pola toponimia de Ons coa ruta Unha illa de nomes, ata chegar á historia das Cíes cunha Viaxe no tempo.

Como en anos anteriores, nesta ocasión tamén haberá unha ruta especial pensada para familias con nenos. Realizarase durante o período de vacacións escolares de Semana Santa, concretamente, o luns 15 de abril en Cíes. Durante o percorrido pola illa faranse dinámicas e xogos que axuden aos rapaces a coñecer os ecosistemas do Parque Nacional. Como máximo poderanse inscribir dous nenos con cada adulto participante na actividade, especialmente recomendada para menores de entre 5 e 11 anos.
R.