Skip to main content

'Escenas do cambio' converte o Gaiás no escaparate de novos proxectos teatrais galegos e da vangarda internacional

Precisamente, esta quinta edición vai servir de escaparate para a presentación de cinco novos proxectos creativos da escena galega: ‘Empapelado amarelo’, de Melania Cruz e Tito Asorey; ‘O inevitable’, de Diego Anido e Borja Fernández; ‘A cama do meu avó Manuel Méndez’, de Celso Fernández Sanmartín; ‘A casa vella’, de Nuria Sotelo e Cris Sánchez; e ‘Spanberguianismo’, de Alejandra Pombo.

Durante a presentación desta quinta edición, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, puxo en valor esta “plataforma de proxección da creación galega máis recente” que supón ‘Escenas do cambio’. Neste acto estivo acompañado polo director artístico do festival, Pablo Fidalgo Lareo; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; a secretaria de Igualdade da Xunta, Susana López Abella; a directora de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra; e os artistas Melania Cruz e Tito Asorey, cuxo novo proxecto ‘Empapalado amarelo’ abre mañá o certame, xunto a dous referentes no ámbito español da ‘performance’, como son Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel. Ambos os dous contan cunha carreira creativa na vangarda artística de máis de 40 anos e posúen cadanseu Premio Nacional e Velázquez das Artes, os máis prestixiosos neste eido.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo cualificou ‘Escenas do cambio’ como unha das “citas culturais imprescindibles”, xa que permite non só coñecer os novos traballos do sector galego, senón que supón unha “oportunidade única” de poder ver en Galicia a artistas e pezas de renome mundial e que son “todo un referente na vangarda artística”. Así, salientou o feito de que en ‘Escenas do cambio’ 2019 se presenta por primeira vez en Galicia o traballo da coreógrafa portuguesa Vera Mantero: 'Tres solos', “que é parte da historia da danza”; mentres que Tino Sehgal e Ligia Lewis serán os encargados de pechar o festival o 16 de febreiro con 'Sans titre' (2000) e Minor matter, respectivamente, “o que suporá ver por primeira vez en España dúas obras emblemáticas das carreiras destes artistas xa consagrados na escena internacional”, subliñou.

Precisamente, o director artístico de ‘Escenas do cambio’, Pablo Fidalgo, fixo fincapé en que coa presenza destes referentes, o festival confirma a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no certame—cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade— así como pola representación de pezas que aposten pola disidencia e o traballo en comunidade, “dous relatos que están a construír, desde os seus inicios hai cinco anos, a identidade do festival”, recordou.

Igualdade e identidade

A presentación de ‘Escenas do cambio’ tivo lugar na escenografía de ‘Empapelado amarelo’, primeiro proxecto de Melania Cruz e Tito Asorey tras ‘Ilmaquinario Teatro’, compañía presente noutras edicións do festival e coa que conseguiron varios Premios Casares e nominacións ao Max de Teatro.

Agora, baixo o paraugas artístico de ‘A quinta do cuadrante’ comezan unha nova etapa e estrea ‘Empapelado amarelo’, espectáculo teatral baseado nunha novela de Charlotte Perkins Gilman, publicada en 1891, na que se denuncian os mecanismos de represión do heteropatriarcado sobre as mulleres da época.

‘Empapelado amarelo’, xunto a de MDLSX de MOTUS, conforman as dúas pezas do festival que máis afondan en temas de igualdade e de xénero, moi recorrentes en todas as edicións. Un leitmotiv que gabou na rolda de prensa a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen incidiu na “valiosa ferramenta” que supoñen as creacións artísticas que van nesta liña na loita contra estereotipos, no fomento da igualdade e na consecución do respecto á diversidade e á identidade, tamén de xénero.

Cinco novos proxectos galegos

Xunto ao proxecto de Melania e Tito Asorey, ‘Escenas do cambio’ 2019 permitirá coñecer tamén o primeiro traballo de Diego Anido e Borja Fernández como ‘Colectivo Marciano Balboa’ para presentar ‘O inevitable’. Ambos contan cunha ampla bagaxe en compañías referentes da escena galega como ‘Chévere’ ou ‘Voadora’. Tamén o festival de inverno da Cidade da Cultura foi escollido por un dos mellores autores de narración oral de Galicia, como é Celso Fernández Sanmartín, para presentar a versión teatral do seu recente salto ao mundo editorial con ‘A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez’.

Pola súa banda, Nuria Sotelo e Cris Sánchez —dúas referentes da danza e a performance en Galicia— están en pleno proceso de constitución dun novo espazo creativo: ‘A casa vella’ e apostaron por ‘Escenas do cambio’ para avanzar e adiantar como está a ser este ‘work in progress’. A presenza galega no festival complétase con Alejandra Pombo. A compostelana presenta o seu último proxecto: a tradución xunto a María Jerez de Spanberguianismo, un blog escrito durante o verán de 2010 polo artista e coreógrafo Märte Spänberg, que mantivo enganchados á súa escrita e ao que alí se contaba a unha comunidade importante de artistas relacionados coa danza e as performances.

Colaboración internacional

Ao igual que en todas as súas edicións, ‘Escenas do cambio’ 2019 conta cunha rede de colaboradores internacionais como o INAEM, o Concello de Santiago, o Centro Dramático Galego, a Agadic, a Universidade de Santiago, A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Camões - Instituto da Cooperação e da Língua e, neste 2019, incorpora o Museo do Pobo Galego, xa que continúa a liña aberta de estender a súa programación e máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais da capital de Galicia, que inclúen o Teatro Principal e o Salón Teatro.
R.