Skip to main content

Seis concertos de recoñecidos artistas nas principais cidades galegas completan a programación de O Son do Camiño 2018

O cartel estará protagonizado por The Hives, na Coruña, e Miguel Poveda, en Ferrol, ambos concellos do Camiño Inglés. En Lugo, cidade pola que discorre o Camiño Primitivo, recalará Pablo López, mentres que en Ourense, na Vía da Prata, actuará Rodrigo Leão. Finalmente, José González pasará por Pontevedra, no Camiño Portugués, e Mon Laferte por Vigo, no Camiño Portugués da Costa, pechando así a programación desta primeira edición.

As seis citas terán lugar ao longo dos meses de outubro e novembro, cunha proposta que dá continuidade ao festival, celebrado con gran éxito, pois ao longo de tres xornadas congregou a 84.000 asistentes de 12 países no revitalizado Parque Monte do Gozo. O Son do Camiño promoveu deste xeito a imaxe de Galicia a través dun dos seus principais activos culturais e turísticos, o Camiño de Santiago, e consolidando a oferta de festivais da Comunidade.

As entradas para estes seis concertos, unha aposta pola variedade de estilos, sairán a venta o vindeiro luns na páxina web www.osondocamino.es. A Xunta é o principal patrocinador da cita, que aposta tamén pola descentralización e a desestacionalización, ao enriquecer a programación musical de outono, unha época fora dos principais eventos neste sentido.

As datas e lugares de celebración dos concertos serán as seguintes:

- 20 de outubro: Rodrigo Leão, Auditorio Municipal de Ourense
- 23 de outubro: José González, Teatro Afundación de Pontevedra
- 3 de novembro: Miguel Poveda, Auditorio Municipal de Ferrol
- 7 de novembro: Mon Laferte, Teatro Afundación de Vigo
- 10 de novembro: The Hives, Sala Pelícano da Coruña
- 17 de novembro: Pablo López, Pazo de Feiras e Congresos de Lugo
R.