A mostra 'Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación' pecha con máis de 30.000 visitantes
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/galicia_universal.jpg)
Ata o 14 de outubro, no Museo Centro Gaiás pode verse esta escolma de pinturas, esculturas, fotografías e instalacións que supuxo unha oportunidade única para achegarse ao proceso de construción da nosa identidade cultural e comprender a dimensión universal da arte galega. Á vez, esta exposición facilitoulle a toda sociedade o acceso ao relevante patrimonio artístico que posúen as importantes coleccións privadas de ABANCA e Afundación.
Programa de actividades
Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación estivo aberta ao público de martes a domingo, con entrada de balde, e contou cun amplo e variado programa de actividades e visitas guiadas e didácticas co fin de contribuír á difusión das obras, cunha especial atención á comunidade escolar, recibindo case 4.000 rapaces e rapazas procedentes de centros escolares. No entanto, a difusión tamén se ampliou aos amantes da arte, co obxectivo de incrementar a afluencia de turismo cultural.
Deste xeito, foi protagonista de moitas das accións do completo programa do Día dos Museos, nos que se fixeron visitas-express e visitas-online ao redor destas obras, e tamén se convidou os e as visitantes durante os dous días de celebración a compartir polas redes sociais cal era a súa obra favorita das 192. Neste programa tamén se organizou a acción ‘Coñece o teu museo por dentro’, que permitiu darlle a coñecer a sociedade como se xestiona e prepara unha exposición de tales dimensións como foi Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación, distribuída en dous andares do Museo Centro Gaiás.
De igual forma, a exposición foi protagonista de As Nocturnas, un xeito distendido e ameno de coñecer a arte que acolle a Cidade da Cultura con música e petiscos da Denominación de Orixe Protexida de Queixos Arzúa-Ulloa. Celebradas fóra do horario habitual do Museo Centro Gaiás (ás 21 horas) foron todo un éxito coas entradas esgotadas nas sesións realizadas ao redor da mostra.
Montaxe atractiva
O atractivo desta exposición tamén estivo reforzado polo deseño da montaxe, a cargo do recoñecido estudio galego de arquitectura Abalo e Alonso, que desenvolveu un proxecto para realzar o valor singular das pezas e establecer un diálogo harmónico coa potencia visual do Museo Centro Gaiás.
O catálogo da exposición, en galego, castelán e inglés e editado polo estudio galego Desoños, representou unha obra de referencia para o coñecemento da arte galega, que permanecerá máis alá da clausura da exposición.
A exposición organizou as obras seguindo un criterio temático, no que as pezas se agrupan ao redor de cuestións como a cultura popular, a presenza da muller na arte, o compromiso social, a paisaxe, o retrato, a tradición e a renovación ou os movementos da nova arte galega.
A través deste discurso Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación permitiu comprender como a construción da arte galega é o resultado de dous factores: do compromiso dos artistas coa identidade e por outra banda, da súa vocación de universalidade, reflectida na ligazón coas tendencias e movementos internacionais.
R.