Skip to main content

Noticias

  • O Xacobeo 2021 ofrecerá 10 actividades ao día e 313 escenarios ao longo de 2020 e 2021. Galicia vivirá así os primeiros 700 días dos 5.000 que temos por diante da década xacobea”. Baixo a previsión dunha asistencia a todos os eventos de máis de 7 millóns de persoas, se ben o escenario principal será Santiago, haberá outros 312 por toda a Comunidade, coa posta en marcha de máis de 180 proxectos nos que se inclúen máis de 7.000 actividades. Entre elas, tres grandes exposicións que debuxarán o Ano Santo desde unha perspectiva nunca vista, diversas publicacións, música, artes escécnicas, e un longo etcétera.
  • Andalucía, Castela e León, Estremadura e Galicia reforzan o seu compromiso para impulsar a Vía da Prata como elemento dinamizador dos seus territorios, o que poderá ter especial incidencia no rural e en zonas con problemas demográficos. Con este obxectivo reúnense en Santiago os responsables das áreas de Cultura e Turismo das devanditas comunidades. En concreto, participan a conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo; o conselleiro de Cultura e Turismo da Junta de Castilla y León, Javier Ortega; a conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, noEncontro de Comunidades Autónomas da Vía da Prata.
  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá o Plan Ribeira Sacra. Plan de xestión da paisaxe cultural 2020-2023, unha ferramenta que tal e como explicou é imprescindible para esta zona e supón un paso relevante no camiño cara á súa inclusión na lista do Patrimonio Mundial da Unesco. “Como saben, levamos moito tempo traballando nesta candidatura”, dixo, asegurando que xa se declarou á Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural na categoría de paisaxe cultural e xa se conseguiu que a súa candidatura sexa a que presentará España no ano 2021. Momento no que aproveitou tamén para agradecer ás entidades locais o seu compromiso decidido no impulso dunha candidatura que é “capaz de ilusionar a toda Galicia”.
  • A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Hoxe tivo lugar a sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.
  • Ponse en marcha o chamado Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia, un documento que, tras un extenso traballo de campo, permitiu identificar na nosa Comunidade máis de 2.000 recursos enogastronómicos. É unha das medidas que inclúe a estratexia Galicia Sabe para potenciar a nosa Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel. Este proxecto –que será compartido co sector para o seu uso profesional– permitirá detectar e priorizar destinos cun alto valor enogastronómico, poñer en marcha novos produtos turísticos a medio e longo prazo e coñecer mellor os recursos da Comunidade co fin de optimizar o traballo neste sector.
  • A programación do Nadal begontino inclúe a exposición Imaxes e Palabras, que recolle anacos de poemas de 40 autores que corresponden a traballos premiados nalgún dos 43 certames de Poesía sobre o Nadal convocados polo Centro Cultural José Domínguez Guizán. Entre os poetas figuran Xosé Otero Canto, Marica Campo, Carlos López e Martiño Maseda, presentes hoxe na inauguración. As fotografías amosan distintas escenas do Belén e pertencen aos membros do Grupo Fonmiñá Miguel Calvo, Miguel Fraga, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Gerardo Méndez e Eduardo Ochoa. A mostra permanecerá na sede da Xunta en Lugo ata o martes día 10 de decembro para viaxar despois ata Mondoñedo.
  • A Asociación Española de Ciencia Rexional vén de premiar o traballo de investigación elaborado polo grupo de investigación GAME da Universidade de Santiago (USC) que estuda o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago e que se está a converter nunha eficaz ferramenta para a toma de decisións na xestión galega ao redor da Ruta Xacobea. O traballo, presentado o ano pasado, foi recoñecido co VI Premio Blog a Riqueza das Rexións á mellor entrada de 2019 nesta plataforma da asociación española, pola súa achega á sustentabilidade do Camiño de Santiago. O documento resume parte dos resultados alcanzados no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e este grupo de investigación.
  • O Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia decidiron outorgar os tres recoñecementos honoríficos dos Premios Galicia de Turismo na súa primeira edición a: Luz Casal, que recollerá o galardón como Embaixadora Nacional 2019; Hong-jo Chun, embaixador da República de Corea en España, premio Embaixador Internacional; e os hosteleros Ramón e Francisco Vilas, recoñecidos como Pioneiros. O Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia consideran que a cantante Luz Casal representa o sentimento de orgullo pola terra e que coa súa sólida e recoñecida traxectoria artística contribuíu en boa maneira a difusión da marca Galicia por todo o país.
  • Galicia presenta o potencial turístico do norte peninsular ante os profesionais do sector turístico desta zona de Italia. Trátase dunha das accións incluídas no 30 Aniversario da España Verde na que Galicia se encargou de presentar esta marca turística como anticipo do seu papel en 2020, cando a Comunidade galega será a coordinadora da España Verde. A fortaleza turística das catro comunidades autónomas que forman parte da España Verde (País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia) queda patente no feito de que no que levamos de ano esta zona foi visitada por preto de 11 millóns de viaxeiros, o 10% dos viaxeiros que visitaron España este ano. A España Verde é un destino especialmente estratéxico para un mercado como o italiano, que conta con varias comunicacións aéreas nos aeroportos da zona.
  • A mostra Galicia, un relato no mundo, que se inaugura no Gaiás a próxima semana, concibe as novas tecnoloxías como un elemento central do relato da exposición, empregando sistemas punteiros de realidade virtual, realidade aumentada e dispositivos de detección sensorial. Entre outras aplicacións, a mostra converterá a arquitectura do Museo Centro Gaiás –a través de realidade virtual– nun transatlántico da emigración galega a América; permitirá dar vida a todo un universo da Galicia medieval empregando tecnoloxías propias dos videoxogos; recreará o templo no que se atopa a referencia ao pobo dos galaicos máis distante ¬–o Sebasteion das Afrodisias en Turquía– ou fusionará linguaxes tan distintas e afastadas no tempo como os códices medievais e a estética propia do cómic e do graffiti.